

Exergo (do latín: exergum, desde o grego: ἐξ ἔργου -ex érgou-, "fóra da obra") é o espazo que nunha moeda se acha ás veces por baixo do motivo principal (e, máis raramente, por riba), e aparece frecuentemente delimitado mediante unha liña horizontal.
Con frecuencia, o exergo utilízase para indicar a data ou o valor facial da moeda, ou outras informacións como a marca de ceca, o xentilicio, no caso dalgunhas moedas antigas gregas, ou a sinatura do gravador. En ocasións o exergo está ocupado simplemente por elementos decorativos.
Nas moedas da República Romana e de principios do Imperio, as inscricións do exergo refiren adoito ás datas consulares ou á autoridade do Senado, mediante as iniciais SC (Senatus Consulto), en tanto que nas emisións tardorromanas e nas moedas do Imperio Bizantino, o exergo serve con frecuencia para incicar a cidade de procedencia da cuñaxe, ben mediante unha abreviatura ou ben co seu nome completo. En ambos os casos, a inscrición do exergo forma unha liña recta, mentres que o resto da lenda ten un sentido circular.
Véxase tamén
Bibliografía
- Alfaro Asins, C. et al. Diccionario de numismática. Ministerio de Cultura. Madrid, 2009. ISBN 978-84-8181-405-7
- Amandry. Dictionnaire de Numismatique. Larousse. París. 2001. ISBN 978-2035050762
- Pereira González, F. Léxico de arqueoloxía (castelán-galego). Universidade de Santiago de Compostela. 1996.
- Stevenson, S. W. et al. A Dictionary of Roman Coins. Londres. 1889.
