
- Para a unidade monetaria do moderno Estado de Israel, ver Novo shekel.
O siclo, tamén coas grafías xéquel, shekel e sheqel (acadio: šiqlu ou siqlu; hebreo: שקל, shekel; latín: siclus) foi unha antiga unidade de peso e, paralelamente, unha denominación monetaria de prata e de ouro utilizada por varios pobos do Oriente Próximo mediterráneo, entre eles os antigos hebreos.
Historia


Idade Antiga
Na súa orixe relaciónase cunha unidade de medida equivalente a unha certa cantidade de cebada, que variou co tempo e cos lugares.
Na época do Antigo Israel pesaba arredor dos 11 gramos, aínda que o seu valor foi moi flutuante, e é frecuente atopalos con pesos desde os 7 ata os 14 ou mesmo 17 gramos. Como moeda hebrea, equivalía a 1/60 de mina e a 1/3600 de talento. En Mesopotamia durante o período paleobabilónico, estímase que o siclo tiña 8 gramos.
No Código de Hammurabi menciónanse os siclos nalgunhas leis referentes ao labor dos cirurxiáns, por exemplo:
“(...) 215: Se un médico tratou un home dunha doenza grave e o cura, ou abre unha inchazón cun coitelo e salva o ollo do paciente, recibirá dez siclos de ouro. 216: Se o paciente é un home libre, o pagamento será de cinco siclos. 217: Se é un escravo, o dono pagará dous siclos”
Idade Contemporánea
En 1980, retomouse a denominación de siclo ou xéquel para a moeda que substituíu a libra como moeda de Israel. Posteriormente, en 1985, o xéquel foi novamente substituído polo novo shekel, cunha equivalencia de mil dos antigos por un novo.
Moeda bíblica
Na Biblia menciónase varias veces esta moeda. Por exemplo, o prezo de venda da tumba de Sara e os patriarcas, que Abraham lle comprou a Efrón foi de 400 siclos e o prezo de venda de Xosé por parte dos seus irmáns á caravana de mercadores foi de 20 siclos de prata. Pénsase que as "30 moedas de prata" asignadas a Xudas Iscariote a cambio da entrega de Xesús de Nazaret puideron ser siclos de Tiro.
-

-

-
Medio siclo de Tiro do ano 102 a. de C., coa inscrición ANO 24 DE TIRO, SAGRADA E INVIOLABLE.
-

Véxase tamén
Outros artigos
Bibliografía
- Alfaro Asins, C. et al. Diccionario de numismática. Ministerio de Cultura. Madrid, 2009. ISBN 978-84-8181-405-7
- Amandry, M. (dir). Dictionaire de Numismatique. París, 2001. ISBN 2-03-505076-6
- Carradice, I.; Price, M. Coinage in the Greek World. Londres, 1988. ISBN 978-0900652820
- Girod. Dictionaire epécial et classique des monnaies, poids, messures, divisions du temps, chez les grecs, les romains, les juifs et les égyptiens. París-Lion, 1827
- Mateu y Llopis, F. Glosario hispánico de Numismática. Barcelona, 1946.
- Melville Jones, J. R. A Dictionary of Ancient Greek Coins. Londres, 1986. ISBN 978-0900652813
