Roberto Mauri, nado en Roma o 19 de xullo de 1949, é un gravador, medallista e deseñador de moedas italiano.
Traxectoria
Roberto Mauri cursou na súa xuventude o bacharelato científico e logo estudos universitarios de Arquitectura. Posteriormente asistiu a cursos de deseño industrial e gravado calcográfico, e finalmente ingresou, para se formar en medallística, na Escola de Arte da Medalla Giuseppe Romagnoli, da Casa da Moeda do Estado.
Logo do seu período formativo traballou como decorador de interiores e máis tarde ingresou no Istituto Poligrafico e Zecca dello Stato, inicialmente no departamento de Fundición Artística e posteriormente no de Gravado, onde comezou a dedicarse profesionalmente á produción de medallas e moedas. Na ceca pública italiana foi un promotor da experimentación co microgravado e da introdución da informática no deseño e na produción dos cuños.
Obra
Roberto Mauri é autor dun bo número de moedas, tanto circulantes como conmemorativas, cuñadas non só para Italia senón tamén para a Cidade do Vaticano, a República de San Marino e Uganda.
Unha das súas creacións máis recoñecibles é o anverso nacional italiano da moeda de 50 céntimos de euro coa figura da estatua ecuestre de Marco Aurelio da praza do Campidoglio, obra de Michelangelo.