Luciana de Simoni, nada en Frascati, Roma Capital, o 24 de marzo de 1957, é unha gravadora, medallista e deseñadora de moedas italiana.
Traxectoria

Logo do seu ensino secundario, Luciana de Simoni cursou estudos artísticos no Instituto Nacional de Arte Silvio d'Amico, no que se graduou en 1976 na súa sección de Ourivaría. Alí aprendeu as técnicas da estampaxe, a fundición a cera perdida e a elaboración de xoias, que despois perfeccionou nun obradoiro de artesanía.
En 1978 ingresou na Academia de Belas Artes de Roma para cursar estudos de Escultura, baixorrelevo e gravado calcográfico. Nesa mesma época asistiu tamén á Escola de Arte da Medalla Giuseppe Romagnoli, da Casa da Moeda do Estado, onde desenvolveu as súas habelencias de gravado de medallas con buril.
Logo de gañar un concurso en 1982, foi contratada no centro filatélico do Istituto Poligrafico e Zecca dello Stato, e en 1987 pasou á sección de gravado de medalla e moeda, onde comezou a dedicarse profesionalmente a elaborar estes produtos.
Obra
De Simoni é autora dun bo número de moedas, tanto circulantes como conmemorativas, cuñadas non só para Italia senón tamén para a Cidade do Vaticano, a República de San Marino e Tonga.
Entre as súas obras máis populares está o anverso nacional italiano da moeda de 2 céntimos de euro.