A xustiza social só pode definirse a partir do feito concreto da inxustiza social. Algúns estudosos sosteñen que o concepto «xustiza social» correspóndese coa «xustiza distributiva» de Aristóteles, en tanto que a noción de «xustiza conmutativa» corresponde á idea clásica de xustiza nas sociedades modernas.
Entre os temas que en interesan á xustiza social atópanse a igualdade social, a igualdade de oportunidades, o Estado de benestar, a cuestión da pobreza, a distribución da renda, os dereitos laborais e sindicais, etc.
En 2007, a Nacións Unidas proclamou o 20 de febreiro de cada ano, como Día Mundial da Xustiza Social (A/RES/62/10), co obxectivo de promover sistemas político-económicos baseados nos principios de xustiza, equidade, democracia, participación, inclusión e pleno emprego.
Orixe e evolución do concepto
Aínda que non hai certeza do primeiro uso da expresión "xustiza social", fontes temperás poden ser atopadas en Europa no século XVIII. Algunhas referencias do uso desta expresión son artigos de revistas inspiradas polo espírito da Ilustración, nos cales a xustiza social é descrita como unha obriga do monarca; tamén o termo está presente en libros de teólogos italianos católicos, especialmente membros da Compañía de Xesús. De acordo a estas fontes e o seu contexto, a xustiza social era outro termo para dicir "a xustiza da sociedade", a xustiza que goberna as relacións entre os individuos da sociedade, sen referencia algunha á equidade socio-económica ou a dignidade humana.
O uso do termo empezou a volverse máis frecuente por pensadores católicos dende mediados do século XIX, incluíndo o xesuíta Luigi Taparelli no libro Saggio teoretico di dritto naturale, appoggiato sul fatto (Ensaio teórico do dereito natural apoiado nos feitos), publicado en 1843, en Livorno, Italia.
