Etimoloxía
Wadi deriva do árabe clásico وادي wādi (plural ´adiya), que á súa vez provén da raíz semítica و د ي, relacionada con «sacar, asomar, proxectar de repente», en referencia ás súas augas. En árabe actual o termo máis común para referirse a un río estacional é, porén, shuʿaib (شعيب), xa que wādi pasoou a significar 'val', en xeral. Porén, ambos os termos póden usarse indistintamente.
Guad- e Odi- en Iberia


En España o nome de moitos ríos teñen a forma guad-, especialmente no sur peninsular (Guadalhorce, Guadalquivir, Guadarrama e Guadiana, entre outros); recibiron este nome durante a dominación árabe, e provén da raíz árabe común wādi "val, leito (do río)".
En Portugal configurouse como ode- ou odi- e é un prefixo común en moitos hidrónimos do sur do país: Odeleite, Odivelas, Odiana, Odemira, Odivarga, Odiáxere etc.
Especulouse moito acerca da etimoloxía do río Odiel, na provincia de Huelva; Miguel Asín Palacios e arabistas posteriores defenderon que provén de wad-, porén a evidencia demostrou que procede do latín Urium, como era coñecido na época romana.
Características
Os leitos secos ou estacionais de ríos, torrentes e arroios son típicos de todas as rexións cálidas e semiáridas ou desérticas do mundo. Hai numerosos ’āwdiya na península Arábiga, no levante mediterráneo e no norte de África. Estes leitos poden ter até máis de cen metros de anchura; xeralmente, só levan auga durante breves tempadas chuviosas —de horas, días ou como moito semanas de duración— que poden ser de periodicidade anual ou esporádicas e impredicíbeis, tanto na época do ano en que ocorren como na pluviosidade.
Nestas rexións, a escasa vexetación é xerófila, espiñenta e de lento crecemento, e está limitada ao contorno dos ’āwdiya. Se no subsolo ou na superficie destes leitos secos se almacena a auga, a vexetación pode ter un carácter máis exuberante e orixinar un tipo de oasis, aínda que a vexetación natural nestes normalmente é substituída por especies domésticas, como a datileira (Phoenix dactylifera), árbores froiteiras, hortalizas e herbas forraxeiras, ás veces plantadas por quens habitan e usufructúan o oasis.
Véxase tamén
Bibliografía
- Ángel Ramos, editor (1987): "Zonas áridas" en: Diccionario de la naturaleza. Madrid: Espasa-Calpe. ISBN 84-2396-949-5.
