Unha táctica é unha acción teórica ou serie curta de accións dirixidas a acadar un obxectivo a curto prazo. Esta acción pódese levar a cabo en forma dunha ou varias tarefas específicas. O termo utilízase a miúdo en contextos individuais ou sociais, de organizacións de todo tipo, como empresariais, de protesta, militares, de espionaxe e de aplicación da lei; tamén en xadrez, deportes ou outras actividades competitivas en xeral.
Etimoloxía
A palabra táctica deriva do adxectivo grego antigo τακτικός, que significa relativo á disposición ou habilidoso na disposición. O nome grego antigo relacionado é τάγμα (tagma), que significa orde. Ambas palabras pódense remontar ao verbo "τάσσω" (tasso; tassein), que significa "aliñar", "parar", "seleccionar" ou "organizar". A palabra táctica (pór en orde as cousas para cumprir un obxectivo) vén do grego τακτικός (taktikos), composta coa raíz do verbo τάσσειν (tassein = ordenar) e o sufixo -tico (relativo a), que deu palabras como erótica, matemática ou práctica. O verbo τάσσειν (tassein) asóciase coa raíz indoeuropea tag-2 (pór en orde).
Diferenza coa estratexia
Unha estratexia é un plan con pautas para acadar un obxectivo xeral, mentres que unha táctica é un conxunto de accións específicas dirixidas a seguir esas pautas.
Exemplo
A táctica na planificación lingüística en Galiza busca promover o uso do galego mediante accións específicas como programas educativos ou campañas de sensibilización. Mentres que a estratexia responde a un obxectivo maior, preservar a lingua galega como ben patrimonial e cultural, e establece os obxectivos a longo prazo para a normalización lingüística, a táctica refírese ás accións concretas para acadalos. Por exemplo a posta en marcha do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega sería unha desas tácticas. Se en cambio consideramos o Plan Xeral como unha estratexia en si, tería accións tácticas concretas como contratacións, campañas para fomentar o uso do galego etc.
Uso militar
No uso militar, a táctica militar é un procedemento utilizado por unha unidade militar non maior a unha división, que serve para levar a cabo unha misión específica e acadar un obxectivo determinado, ou para asegurar o avance cara a un obxectivo concreto.[Cómpre referencia] Os termos "táctica militar" e "estratexia militar" adoitan confundirse: táctica refírese aos medios específicos utilizados para acadar un obxectivo, mentres que estratexia é o plan xeral de campaña, que pode incluír patróns complexos de operacións, actividades e procesos de toma de decisións que guían a execución táctica.
Véxase tamén
Outros artigos
- Cooperación
- Coordinación
- Método
- Organización
- Planificación
- Estratexia
- Estratexia cooperativa
- Estratexia empresarial
- Estratexia militar
- Xestión
- Teoría de xogos