Sonora é un dos 31 estados de México que se atopa no norte de México. A súa capital e cidade máis poboada é Hermosillo. Limita cos estados mexicanos de Chihuahua polo leste, Sinaloa polo sur e Baixa California polo noroeste, co mar de Cortés ou golfo de California (océano Pacífico) polo oeste e cos Estados Unidos polo norte. Con 179 503 km² é o segundo meirande estado, por detrás de Chihuahua, e con 14,83 hab/km², o quinto menos densamente poboado, por detrás de Campeche, Chihuahua, Durango e Baixa California Sur. Foi fundado o 10 de xaneiro de 1824.
O territorio está conformado por catro provincias fisiográficas: a Serra Madre Occidental, as Serras e Vales Paralelos no centro, o deserto e a costa do golfo de California. Está composto principalmente por desertos semiáridos e pradeiras, onde só nas zonas máis altas se produce chuvia de abondo para manter outros tipos de vexetación.
É fogar de oito pobos indíxenas, entre eles os mayos, os yaquis e os seris. Foi economicamente importante pola agricultura, a gandería (en especial de vacún) e a minería dende o período colonial, e pola súa situación como estado fronteirizo dende a Intervención estadounidense en México. Despois da venda de La Mesilla, Sonora perdeu máis dun cuarto do seu territorio. Dende o século XX até o presente, a industria, o turismo e os agronegocios dominaron a economía, o cal atraeu migración doutras partes de México.
Divídese en 72 concellos e algunhas das localidades máis importantes son Ciudad Obregón, Navojoa, Caborca, Guaymas, Puerto Peñasco, Nogales, Agua Prieta, San Luis Río Colorado, Nacozari de García e Cananea.