A Royal Society of London for Improving Natural Knowledge é a máis antiga sociedade científica do Reino Unido e unha das máis antigas de Europa. Aínda que se adoita considerar o ano 1660 como o da súa fundación, o feito é que anos antes xa existía un grupo de científicos que se reunían con certa periodicidade. Mantén estreitas relacións coa Academia Real Irlandesa fundada no 1782, mentres que a Real Sociedade de Edimburgo, fundada en 1783, mantense como unha institución escocesa independente. A pesar de ser unha institución privada e independente, fai ás veces de Academia Nacional de Ciencias no Reino Unido e é membro do Consello Científico Británico formado no 2000.
Fundación

Dende o 1645 tiveron lugar reunións semanais en Londres de filósofos naturais e científicos doutras áreas do coñecemento, en particular do que por aquel tempo se denominaba Nova Filosofía ou Filosofía Experimental, e existen poucas dúbidas de que estas reunións filosóficas son as que Robert Boyle chamaba o Colexio Invisíbel ou Colexio Filosófico na súa correspondencia entre 1646 e 1647. Segundo John Wallis, estas reunións foron suxeridas por Theodore Hank, un alemán residente en Londres, e producíronse principalmente na residencia de Jonathan Goddard.
Xa dende os seus inicios o grupo tiña as súas normas de funcionamento. Reuníanse unha vez por semana e para evitar que se desviara a discusión do seu propósito orixinal estaba prohibido falar da deus, asuntos de estado ou actualidade, limitándose só aos temas a tratar, á Nova Filosofía e materias relacionadas —Medicina, Anatomía, Geometría, Navegación, Estática, Mecánica etc.— e os experimentos.
Durante a segunda guerra civil inglesa (1648-1649), que finalizou coa execución de Carlos II en 1660, parte do grupo moveuse a Oxford, onde mantivo reunións paralelas ás do grupo de Londres, que continuaron facéndose no colexio Gresham, durante o interregno até 1658, ano do falecemento de Oliver Cromwell. Trala restauración monárquica co ascenso ao trono de Carlos II en 1660, as reunións emprendéronse de novo en Londres, uníndose a elas o grupo que permanecera en Oxford.
A primeira reunión aconteceu o 28 de novembro. A ela acudiron William Brouncker, Boyle, Alexander Bruce, Robert Moray, Paul Neile, John Wilkins, Goddard, William Petty, Peter Ball, Lawrence Rooke, Christopher Wren, Abraham Hill. Tras unha lectura a cargo de Wren, os asistentes decidiron fundar unha Sociedade para a promoción do Saber Experiental Físico-Matemático, reunirse unha vez por semana, os mércores; estabelecer unha cota de ingreso de 10 xilins e unha cota semanal dun xilin, para sufragar os experimentos; e elixindo a Wilkins como presidente. Na seguinte reunión, o 5 de decembro, Robert Moray informou que o rei aprobaba o estabelecemento das reunións e estaba disposto a apoiar a creación da Sociedade. O 12 de decembro fixouse o número de membros en 55 sendo supernumerarios os baróns, membros do Colexio de Física e profesores universitarios de matemáticas, física e filosofía natural. O 6 de marzo de 1661 Moray foi elixido presidente en substitución de Wilkins.
O 18 de setembro de 1661 acordaron un borrador de estatutos e a cédula real de asociación foi asinada o 15 de xullo de 1662, momento no que oficialmente se constituíu a Royal Society. Nela figuraban os membro do Consello, nomeábase a William Brouncker primeiro presidente e permitíase nomear un «Comisario de Experimentos», o primeiro dos cales foi Robert Hooke, nomeado o 5 de novembro dese mesmo ano. De feito, xa dende o principio os experimentos tiñan grande importancia e consumían gran parte do tempo que duraban as reunións. A cédula real permitía tamén que a Sociedade fixera publicación e en 1664 editaban Sylva de John Evelyn e ao ano seguinte Micrographia, de Robert Hooke.
Nunha segunda cédula real do 23 de abril de 1663, o rei outorga as súas armas á sociedade, doa unha vara e é nomeado membro fundador. Noméanse dous secretarios, John Wilkins e Henry Oldenburg e faise referencia á Sociedade como Sociedade Real para o Avance da Ciencia Natural, que será o seu nome definitivo. O lema adoptado Nullius in verba (en palabras de ninguén) refírese á necesitade de obter evidencias empíricas para o avance do coñecemento en vez de recorrer ao criterio de autoridade, usado polos escolásticos.
Presidentes

O Presidente da Real Sociedade (PRS) é elixido entre a comunidade científica da Mancomunidade Británica de Nacións, cun mandato de cinco anos. O Presidente actual, dende o 1 de decembro de 2005, é o astrónomo Martin Rees.
| Período | Presidente |
|---|---|
| 1662-1677 | William Brouncker |
| 1677-1680 | Joseph Williamson |
| 1680-1682 | Christopher Wren |
| 1682-1683 | John Hoskins |
| 1683-1684 | Cyril Wyche |
| 1684-1686 | Samuel Pepys |
| 1686-1689 | John Vaughan |
| 1689-1690 | Thomas Herbert |
| 1690-1695 | Robert Southwell |
| 1695-1698 | Charles Montagu |
| 1698-1703 | John Somers |
| 1703-1727 | Isaac Newton |
| 1727-1741 | Hans Sloane |
| 1741-1752 | Martin Folkes |
| 1752-1764 | George Parker |
| 1764-1768 | James Douglas |
| 1768-1768 | James Burrow |
| 1768-1772 | James West |
| 1772-1778 | John Pringle |
| 1778-1820 | Joseph Banks |
| 1820-1820 | William Hyde Wollaston |
| 1820-1827 | Humphry Davy |
| 1827-1830 | Davies Gilbert |
| 1830-1838 | Príncipe Augustus Frederick |
| 1838-1848 | Spencer Compton |
| 1848-1854 | William Parsons |
| 1854-1858 | John Wrottesley |
| 1858-1861 | Benjamin Collins Brodie |
| 1861-1871 | Edward Sabine |
| 1871-1873 | George Biddell Airy |
| 1873-1878 | Joseph Dalton Hooker |
| 1878-1883 | William Spottiswoode |
| 1883-1885 | Thomas Henry Huxley |
| 1885-1890 | George Gabriel Stokes |
| 1890-1895 | William Thomson |
| 1895-1900 | Joseph Lister |
| 1900-1905 | William Huggins |
| 1905-1908 | John William Strutt |
| 1908-1913 | Archibald Geikie |
| 1913-1915 | William Crookes |
| 1915-1920 | Joseph John Thomson |
| 1920-1925 | Charles Sherrington |
| 1925-1930 | Ernest Rutherford |
| 1930-1935 | Frederick Gowland Hopkins |
| 1935-1940 | William Henry Bragg |
| 1940-1945 | Henry Hallett Dale |
| 1945-1950 | Robert Robinson |
| 1950-1955 | Edgar Douglas Adrian |
| 1955-1960 | Cyril Norman Hinshelwood |
| 1960-1965 | Howard Florey |
| 1965-1970 | Patrick Blackett |
| 1970-1975 | Alan Hodgkin |
| 1975-1980 | Alexander R. Todd |
| 1980-1985 | Andrew Huxley |
| 1985–1990 | George Porter |
| 1990–1995 | Michael Francis Atiyah |
| 1995–2000 | Aaron Klug |
| 2000–2005 | Bob May |
| 2005-2010 | Martin Rees |
Historia (incompleta)
- Década de 1640: encontros informais.
- 1660: fundación o 28 de novembro.
- 1661: preséntase o seu primeiro libro.
- 1662: Royal Charter dá permiso para a publicación.
- 1663: segundo Royal Charter.
- 1665. primeiro número de Philosophical Transactions.
- 1666: o incendio de Londres causa o traslado a Arundel House.
- 1710: compra as súas propias instalacións en Crane Court.
Membros famosos
Varios científicos famosos estiveron involucrados na súa fundación ou participaron na súa historia. O primeiro grupo inclúe Robert Boyle, John Evelyn, Robert Hooke, William Petty, Gottfried Leibniz, John Wallis, John Wilkins, Thomas Willis e Sir Christopher Wren. Isaac Newton demostrou a súa teoría da óptica ante eles e, posteriormente converteuse en presidente da sociedade. Thomas Bayes presentou o seu teorema por primeira vez ante esta sociedade.
Medallas
Son un total de dez:
- Medalla Buchanan, criada en 1897 – ciencias médicas.
- Medalla Copley, criada en 1731 – todos os ramos da ciencia.
- Medalla Darwin, criada en 1890 – ciencias biolóxicas sobre os traballos de Darwin.
- Medalla Davy, criada en 1877 – ciencias químicas.
- Medalla Gabor, criada en 1989 – ciencias da vida: bioloxía molecular e enxeñaría xenética.
- Medalla Hughes, criada en 1902 – ciencias físicas: electricidade e magnetismo.
- Medalla Leverhulme, criada en 1960 – química pura e aplicada.
- Medalla Real, criada en 1826 – ciencias naturais e aplicadas.
- Medalla Rumford, criada en 1800 – propiedades ópticas e térmicas aplicada á materia
- Medalla Sylvester, criada en 1901 – investigacións matemáticas.
Véxase tamén
Bibliografía
- Spratt, Thomas, History of Royal Society, Kessinger Publishing; (febreiro 1, 2003), ISBN 0-7661-2867-9
Ligazóns externas
- The Royal Society - Excellence in Science (en inglés)
- Sítio da Royal Society of Edinburgh Arquivado 05 de marzo de 2012 en Wayback Machine. (en inglés)
- Sítio da Royal Irish Academy (en inglés)
