O riel camboxano (khmer: រៀល) ou simplemente riel é a unidade monetaria de Camboxa, dividida en 100 sen (សេន). O seu código ISO 4217 é KHR e o seu símbolo monetario ៛.
O riel estableceuse en 1953 e, logo do período 1975-1980, en que Camboxa careceu de moeda, en 1980 retomouse como unidade monetaria do país.
O seu nome deriva do "real" español da ceca de México, que pola fineza da súa aliaxe circulou amplamente entre os comerciantes malaios, indios e chineses durante o século XIX.
Primeiro riel (1953-1975)

Na época da colonización francesa, Camboxa utilizaba a piastra da Indochina Francesa, que foi substituída polo riel en termos paritarios (1 riel = 1 piastra).
En 1953, a delegación camboxana do Institut d'Émission des États du Cambodge, du Laos et du Vietnam emitiu unha serie de moedas con dobre denominación en piastras e rieis, cun valor á par, e as outras dúas delegacións fixeron o propio co dong de Vietnam do Sur e co kip de Laos.
Inicialmente, estes rieis dividíanse en 100 céntimos (centimes) mais en 1959 cambiou a moeda fraccionaria e pasou a dividirse en 100 sen.
A primeira emisión de billetes foi a de 1955-1956, composta polos valores de 1, 5, 10 e 50 rieis. A partir de aí sucedéronse varias series de billetes ata 1973, con valores que chegaron ata os 5.000 rieis.
Canto ás moedas, en 1953 emitiuse unha primeira serie de 10, 20 e 50 céntimos (cents.) en aluminio, co mesmo tamaño que as correspondentes en att e en xu, as moedas divisionarias de Laos e de Vietnam do Sur. En 1959 volveuse cuñar a moeda de medio riel, xa co valor de 50 sen, en lugar de 50 cents. Finalmente, en 1970 emitiuse a moeda dun riel, cuñada en cuproníquel, como parte do programa de emisión de moedas da FAO, aínda que esta moeda non chegou a entrar en circulación, por mor do derrocamento do Goberno de Norodom Sihanouk por Lon Nol. Na época dos Khmer Vermellos, durante o Goberno de Pol Pot entre 1975 e 1979, a circulación monetaria e o sistema de bancos foron abolidos. No entanto, en 1975 chegou a producirse a impresión dunha serie de billetes (de 0,1 rieis a 100 rieis), aínda que non chegaron a pórse en circulación por mor de tal abolición.
En 1979, o réxime que, apoiado polos vietnamitas, derrocou a Pol Pot emitiu unha derradeira serie deste primeiro riel, con valores de entre 5 e 500 rieis.
Segundo riel (desde 1980)
Logo da invasión vietnamita de 1978, a República Popular de Kampuchea (1979-1992) viuse na necesidade de restaurar a moeda. Nos primeiros meses de existencia do novo réxime utilizáronse o dong survietnamita e o baht tailandés, ata que o 1 de abril de 1980 se restableceu o riel como a unidade monetaria oficial de Camboxa, dividido en 10 kak ou 100 sen e, inicialmente, coa paridade de 4 rieis = 1 dólar. Como non había unha moeda para substituír e tendo en conta que o sistema económico quedara seriamente danado polo réxime dos Khmer Vermellos, o Goberno central decidiu repartir a nova moeda entre a poboación para estimular o seu uso.
Moedas
A primeira moeda cuñada foi a de 5 sen de aluminio, en 1979. Ata 1994 non se produciron novas cuñaxes e nese ano emitiuse unha serie de 50, 100, 200 e 500 rieis que, malia seguiren en circulación, teñen unha presenza escasa na circulación.
| Imaxe | Facial | Ano | Diámetro | Peso | Espesor | Aliaxe | Canto | Anverso | Reverso | |
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Anverso | Reverso | |||||||||
| 50 rieis
|
1994 | 15,9 mm | 1,6 g | 1,0 mm | Ace. | Liso | Valor.
Data budista e gregoriana. |
Monumento á independencia, Phnom Penh | ||
| 100 rieis
|
17,9 mm | 2,0 g | 1,1 mm | Angkor Wat | ||||||
| 200 rieis
|
19,9 mm | 2,4 g | 1,1 mm | Cuncas cerimoniais. | ||||||
| 500 rieis
|
25,8 mm | 6,5 g | 2,0 mm | Ace./Ae | Estriado descontinuo | Escudo real de Camboxa | ||||
Billetes
Estes son os billetes en circulación en Camboxa, do sistema do riel:
| Imaxe | Facial | Data | Dimensións (mm) | Motivos principais | ||
|---|---|---|---|---|---|---|
| Anverso | Reverso | Anverso | Reverso | |||
| 50 rieis
|
2002 | 130 x 60 | Templo de Preah Vihear | Encoro | ||
| 100 rieis
|
2001 | 130 x 60 | Monumento á independencia, Phnom Penh | Escola | ||
| 2014 | 138 x 64 | Norodom Sihanouk | Pagode de prata, Phnom Penh | |||
| 500 rieis
|
2002
2004 2014 |
138 x 64 | Angkor Wat | Ponte Kizuna | ||
| 2014 | Norodom Sihamoni | Pontes | ||||
| 1.000 rieis
|
2005
2007 2014 |
138 x 64 | Porta do Sur, Bayon | Porto de Sihanoukville | ||
| 2012 | 148 x 68 | Norodom Sihanouk | Barca co corpo de Sihanouk | |||
| 2016 | 146 x 68 | Norodom Sihanouk | Kinnari (medio humano, medio ave) | |||
| 2.000 rieis
|
2007
2015 |
146 x 68 | Templo Prasat Preah | Cultivo do arroz | ||
| 2013 | 155 x 72 | Norodom Sihanouk | Norodom Sihanouk con dous soldados | |||
| 5.000 rieis
|
2001
2002 2004 2007 |
146 x 68 | Norodom Sihanouk | Ponte Spean Praptos | ||
| 2015 | 146 x 68 | Norodom Sihanouk | Ponte Spean Praptos | |||
| 10.000 rieis
|
2001
2005 2006 |
146 x 68 | Norodom Sihanouk | Peirao de Sisowath | ||
| 2015 | 146 x 68 | Norodom Sihamoni | Templo budista de Neak Pean | |||
| 15.000 rieis
|
2019 | Norodom Sihamoni | Coroación de Norodom Sihamoni | |||
| 20.000 rieis
|
2008 | 155 x 72 | Norodom Sihamoni | Angkor Wat e Avalokiteshvara | ||
| 2017 | 155 x 72 | Norodom Sihamoni | Templo de Banteay Srei | |||
| 50.000 rieis
|
2001 | 150 x 70 | Norodom Sihanouk | Angkor Wat | ||
| 2013 | 155 x 72 | Norodom Sihanouk | Ruínas de templo. Cría de elefante | |||
| 100.000
rieis
|
2012 | 170 x 77 | Norodom Sihanouk e Norodom Monineath | Familia real | ||
Uso doutras divisas
Nas zonas rurais, o riel utilízase para practicamente todas as compras cotiás; no entanto, o dólar estadounidense tamén se utiliza, sinaladamente nas áreas máis urbanas e nas zonas turísticas. En Battambang e noutras zonas próximas á fronteira tailandesa, como Pailin, tamén se acepta o baht tailandés.
A dolarización comezou na década de 1980 e continou nos comezos da década seguinte, cando as Nacións Unidas contribuíron con axuda humanitaria, os refuxiados comezaron a enviar remesas e a inflación alcanzou o 177 %, coa conseguinte erosión da confianza no riel.
Véxase tamén
Bibliografía
- Krause, C. L.; Mishler, C. (1991). Standard Catalog of World Coins: 1801-1991. (18ª ed.). Krause Publications. ISBN 0-87341-150-1
- Pick, A. (1994). Standard Catalog of World Paper Money: General Issues. (7th ed.). Krause Publications. ISBN 0-87341-207-9
Outros artigos
Ligazóns externas
- Banco Nacional de Camboxa Arquivado 23 de novembro de 2016 en Wayback Machine.
