Os lenape, tamén chamados lenni lenape e delaware, son un pobo indíxena, que vive no Canadá e nos Estados Unidos. Tamén son chamados indios delaware, e o seu territorio tradicional incluía o actual estado de Nova Jersey e o leste de Pensilvania a carón da conca fluvial do río Delaware, a cidade de Nova York, o oeste de Long Island e o val Hudson.
O sistema de parentesco lenape eran os clans matrilineais, é dicir, os nenos pertencían ó clan da nai, a partir do cal eles gañaban o seu status social e a súa identidade. O irmán máis vello da nai era máis significativo como mentor do neno que o seu propio pai, que polo xeral era doutro clan. O liderado hereditario transmitíase a través de liña materna, e as mulleres maiores podían quitar do poder os líderes que desaprobaban. A terra agrícola era xestionada polas mulleres e asignada segundo as necesidades de subsistencia das súas familias extensas. As familias eran matrilocais; as parellas recentemente casadas vivían coa familia da noiva, onde a súa nai e as súas irmás tamén podían axudala coa súa crecente familia.
Durante as guerras dos Castores da primeira metade do século XVII, os colonos europeos foron coidadosos en evitar que as armas de fogo caesen en mans dos lenape, mentres que os seus rivais iroqueses, como os susquehannocks e a Confederación dos Iroqueses estaban comparativamente mellor armados. Por mor disto, os lenape foron subxugados primeiro polos susquehannocks, e despois polos iroqueses, chegando a precisar o visto e prace dos seus rivais para iniciar tratados como a venda de terras. Como moitas outras tribos, os lenape foron debilitados por doenzas introducidas polos europeos, principalmente varíola pero tamén cólera, gripe e disentería, e o seu número descendeu polos frecuentes conflitos raciais cos europeos. Os pobos iroqueses loitaron ocasionalmente cos lenape. A comezos do século XVIII, moitos lenape trasladáronse cara ó oeste, unha terra relativamente baleira, e durante as guerras dos Castores, sábese que os iroqueses facían incursións e reclamaron esas terras como territorios de caza.
Durante as décadas seguintes do século XVIII, moitos lenape foron expulsados das súas terras por mor da expansión das colonias europeas. A súa grave situación foi exacerbada polas perdas dos conflitos intertribales. As divisións e conflitos da Guerra de Independencia dos Estados Unidos de América leváronos aínda máis cara ó oeste. Na década de 1860, o goberno dos Estados Unidos enviou a moitos lenape cara ó Territorio Indio (o actual estado de Oklahoma) baixo a política de deportación dos indios. No presente, moitos lenape viven no estado de Oklahoma, con comunidades en Wisconsin, Ontario (Canadá) e as súas terras tradicionais.
Véxase tamén
Ligazóns externas
- Delaware Nation, páxina oficial
- Delaware Tribe of Indians, páxina oficial
