factograf
GL

Pinocitose

Pinocitose
All data from the card 3
Freebase
/m/03_wd8
MeSH
D010873
OpenAlex
C40017333

En bioloxía celular a pinocitose (do grego "bebida da célula"), é unha forma de endocitose na que líquidos e solutos e partículas moi pequenas en suspensión entran na célula ao formarse unha invaxinación na membrana plasmática, que seguidamente orixina unha pequena vesícula no interior da célula dentro da que se encontra o material endocitado. As vesículas pinocíticas son de pequeno tamaño e acaban por fusionarse con endosomas e lisosomas. O proceso require enerxía en forma de ATP.

Características

A pinocitose utilízase principalmente para a absorción de fluído extracelular cos seus solutos. As vesículas de pinocitose son moito menores ca as fagocíticas. Fálase de micropinocitose cando as vesículas son de aproximadamente 80 nm de diámetro, e de macropinocitose cando son maiores. A maior parte das vesículas pinocíticas fórmanse en zonas da membrana onde hai fosas ou depresións revestidas de clatrina e orixinan vesículas revestidas da proteína clatrina.

A diferenza da fagocitose, que incorpora en vesículas partículas sólidas de bastante tamaño, a pinocitose incorpora fluídos. A diferenza da endocitose mediada por receptor, a pinocitose non é específica das substancias que se van absorber. A diferenza da difusión de líquidos a través da membrana, a pinocitose sempre implica a formación de vesículas.

A pinocitose é moi común entre as células. Un macrófago absorbe nunha hora o 25% do seu peso en líquidos, e, loxicamente, tamén perde moita auga. A pinocitose é moi activa en células especializadas na nutrición como as da mucosa intestinal, ou no óvulo, que absorbe por pinocitose alimentos disolvidos cedidos polas células da granulosa que o rodean.

Véxase tamén

Outros artigos

Bibliografía

  • Alberts B., Johnson A., Lewis J., Raff M., Roberts K., Walter P. Biología molecular de la célula; editorial Ediciones Omega; 4a edición; 2004; Barcelona; p. 746-749
  • Alberts B., Johnson A., Lewis J., Raff M., Roberts K., Walter P.; Molecular biology of the cell; editorial Freeman; 5a edición; 2003; Nova York; p. 728
  • Campbell, Reece, Mitchell: "Biology", 6a edición, (2002) P. 151
  • Marshall, Ben, Incredible Biological Advancements of the 20th Century, (2001) p. 899

Read next

In 39 languages

Text from Wikipedia, CC BY-SA 4.0 · Source article