factograf
GL

Perceforest

Perceforest
All data from the card 2
VIAF
175467207
Freebase
/m/0522c9

O Perceforest ou Roman de Perceforest é un texto literario francés anónimo composto cara ao 1340 en prosa, con irrupcións líricas, desenvolvido en seis tomos. Narra á maneira cabaleiresca a historia ficticia dunha Gran Bretaña colonizada por troianos e posteriormente Alexandre Magno que establece unha dinastía na persoa de Perceforest. Na obra, do mestizaxe entre britanos (troianos) e gregos xorde a xeración artúrica. Perceforest é o alcume do personaxe principal, porén a obra contén numerosos relatos protagonizados por outros personaxes ao longo de varias xeracións.

Trama

Libro I. Refuxiados troianos ao mando de Bruto chegan a Gran Bretaña e colonízana vencendo os xigantes autóctonos ou desprazándoos cara ás montañas. Chega Alexandre Magno co seu xeral Betis. Antes de partir para Babilonia Alexandre coroa Betis rei de Inglaterra e o irmán del, Gadifer, rei de Escocia. Tamén dá comezo á institución das xustas. Betis derrota Darnant, un feiticeiro dun bosque, e obtén así o seu alcume de Perceforest ("penetra-bosque"). Iníciase o camiño de Gran Bretaña cara ao perfeccionamento da civilización. O libro conclúe con coroamentos e matrimonios.

Libro II. Alexandre morre en Babilonia e Perceforest cae nunha longa enfermidade de dezaoito anos. Perceforest funda unha orde de cabalaría, a do Franc-Palais, que anticipa a do rei Artur (suposto descendente de Perceforest e de Alexandre). Gadifer resulta ferido por un xabaril e débese retirar á Illa de Vida (Avalón). Lydoire, a súa esposa, retírase con el. Posteriormente incursionará esporadicamente no mundo como a Raíña Fada, que entre outras cousas profetizará unha catástrofe sobre Gran Bretaña. O libro conclúe coas aventuras dos cabaleiros da segunda xeración.

Libro III. O eremita Pergamon organiza unha serie de doce torneos no "Castelo das Doncelas" para casar as súas doce netas. Intercálanse os relatos de aventuras como a de Troilo e Zellandine (antecedente do conto da Bela Dormente), Neronés e o Cabaleiro Dourado ou a de Gadifer e o mago Aroés.

Libro IV. Prodúcese a catástrofe profetizada pola Raíña Fada: os romanos invaden Gran Bretaña. Diante do Franc-Palais prodúcese unha gran batalla. Morren todos os cabaleiros. Só quedan as mulleres e os nenos da terceira xeración. A Raíña Fada transporta Perceforest ata a Illa de Vida. Alí esperará a chegada do "Deus verdadeiro" e o seu propio bateo. Comeza un longo período de reconstrución a cargo da nova xeración.

Libro V. Prosegue a reconstrución. Ourseau, neto de Gadifer I, adquire protagonismo. Novamente prodúcese unha serie de doce torneos. Organízaos a Raíña Branca para perfeccionar a cabalaría e achar marido para a súa filla Blanchette. Vence O Exilado, un cabaleiro anónimo que resulta ser fillo de Xenebra, unha das doce doncelas do Libro III.

Libro VI. Aventuras de Galafur, descendente de Perceforest, quen casa con Alexandre-Fin-de-Liesse, descendente de Alexandre. Acontece unha nova destrución no reino baixo o poder do invasor Scapiol que se fai coroar rei de toda a Gran Bretaña. Galafur é transportado á Illa de Vida. Olofer, fillo de Galafur, mata o xabaril que ferira a Gadifer I e chega á Illa de Vida para curalo finalmente. Galafur II, fillo de Galafur I é bateado baixo o nome de Arfasen e emprende a conversión do país ao cristianismo. Arfasen, co sacerdote Natanael, vai ata a Illa de Vida para batear os seus devanceiros. Estes antigos reis finalmente poden abandonar a illa e morrer.

Autoría

Descoñécese a identidade do autor da obra mais considérase moi verosímil que fora un clérigo orixinario de Henao quen a escribiría a petición do conde Guillerme I de Henao.

Datación

A data de elaboración do texto comunmente aceptada xira arredor do ano 1340 (sería rematada entre 1337 e 1344). Hai catro manuscritos do Perceforest que datan da segunda metade do século XV. O manuscrito A, da Biblioteca Nacional de Francia, copiado entre 1470 e 1475, que contén os tomos I, II, III e V. Os tres primeiros tomos levan nos seus frontispicios as armas e o emblema de Louis de Bruges, señor de Gruthuyse, conselleiro e camareiro de Filipe o Bo, duque de Borgoña, para quen foi copiado o manuscrito. O manuscrito B, da Biblioteca Nacional de Francia, copiado entre 1471 e 1477 por Jacques d’Armagnac, duque de Nemours, que contén os tomos I e IV. O manuscrito C, da Biblioteca do Arsenal, único que contén a novela completa, explicitamente datada de 1459 a 1460, transcrito por David Aubert por orde de Filipe o Bo. O texto foi explicitamente modernizado. O manuscrito D, da Biblioteca Británica de Londres, que contén os tomos I e III, copiados entre 1471 e 1477.

In 9 languages

Text from Wikipedia, CC BY-SA 4.0 · Source article