factograf
GL

Lignano

Lignano
Figura 1. Esqueletos dos lignanos. 1. Estrutura básica de propilbenceno. 2. Esqueleto de dibencilbutano. 3. Estrutura dun neolignano.
Figura 1. Esqueletos dos lignanos. 1. Estrutura básica de propilbenceno. 2. Esqueleto de dibencilbutano. 3. Estrutura dun neolignano.

Os lignanos son metabolitos secundarios de plantas que se consideran fitoestróxenos e antioxidantes, encontrados en pequenas cantidades nunha gran variedade de plantas.

Quimicamente os lignanos son substancias polifenólicas, derivadas do aminoácido fenilalanina por dimerización de alcohois cinámicos substituídos (ver ácido cinámico), chamados monolignois, para formar un esqueleto de dibencilbutano (o número 2 da figura 1). Esta reacción é catalizada por encimas oxidativos e nela interveñen proteínas que controlan a estereoquímica da reacción. A estrutura básica destas substancias son dúas unidades de C6C3 unidas por enlaces β,β' ou esqueleto de propilbenceno (o número 1 da figura 1). Algúns exemplos de lignanos son o pinorresinol, podofilotoxina, e esteganacina.

Cando se consomen na dieta, os precursores dos lignanos son convertidos polas bacterias da flora intestinal nos enterolignanos de mamíferos enterodiol e enterolactona. Os lignanos da dieta que poden ser metabolizados para formar lignanos de mamíferos son: pinorresinol, laricirresinol, secoisolaricirresinol, matairresinol, hidroximatairresinol, siringarresinol e sesamina.

Funcións

Os fitoestróxenos como os lignanos ou as isoflavonas, flavonoides prenilados e cumestanos teñen actividade estroxénica (ou antiestroxénica), xa que poden unirse ao receptor de estróxenos debido á súa similitude estrutural co estradiol. Os lignanos secoisolaricirresinol diglicósido (SDG) e os seus metabolitos de lignanos de mamíferos, enterodiol (ED) e enterolactona (EL) son compostos fitoquímicos antioxidantes cunha potencial actividade anticanceríxena que poden imitar as funcións das hormonas humanas, sen os efectos nocivos que puidesen ter estas. Os estudos realizados en modelos animais mostran que impiden o crecemento de tumores de mama e de próstata. En humanos investígase a súa incidencia no cancro de mama.

Atribúense aos lignanos efectos antioxidantes que axudan a combater os efectos dos daniños radicais libres. Porén, nalgúns estudos clínicos en mulleres postmeniopáusicas non mostraron que teñan efectos sobre os lípidos plasmáticos ou sobre a capacidade antioxidante.

Fontes dietarias

Moitas plantas conteñen lignanos, como as sementes de liño e sésamo ou o centeo e outros cereais, soia, brócoli, repolo, feixóns, albaricoques e amorodos, pero en pequenas cantidades (poucos μg por cada gramo de produto seco). As sementes de liño e de sésamo conteñen máis cantidade de lignanos ca a maioría das outras plantas. O principal precursor do lignano atopado en sementes de liño é o secoisolaricirresinol diglicósido.

O secoisolaricirresinol e o matairresinol foron os primeiros lignanos vexetais identificados nos alimentos, e supoñen o 25% do total dos lignanos consumidos. O pinorresinol e laricirresinol foron identificados máis recentemente e estímase que contribúen co 75% do consumo total de lignanos. Esta distribución pode cambiar porque as contribucións do siringarresinol e hidroximatairresinol non foron debidadmente cuantificadas nos alimentos.

Fontes de lignanos:

Fonte Cantidade en 100 g
Semente de liño 300,000 µg (0,3 g)
Semente de sésamo 29,000 µg (29 mg)
Brassica (verduras) 185 - 2321 µg
Cereais 7 - 764 µg
Viño tinto 91 µg

Un estudo recente mostra a complexidade dos precursores de lignanos de mamíferos na dieta. Na táboa seguinte figuran uns poucos exemplos de entre as 22 especies analizadas e dos 24 lignanos atopados no estudo.

Precursores de lignanos de mamíferos como agliconas (µg / 100 g). Principais compoñentes en letra grosa.

Alimento Pinorresinol Siringarresinol Sesamina Laricirresinol Secoisolaricirresinol Matairresinol Hidroximatairresinol
Semente de liño 871 48 non detectado 1780 165759 529 35
Semente de sésamo 47136 205 62724 13060 240 1137 7209
Fibra de centeo 1547 3540 non detectado 1503 462 729 1017
Fibra de trigo 138 882 non detectado 672 868 410 2787
Fibra de avea 567 297 non detectado 766 90 440 712
Fibra de cebada 71 140 non detectado 133 42 42 541

Véxase tamén

Ligazóns externas

  • Síntese in vitro de lignanos e neolignanos[Ligazón morta]
  • Nomenclatura dos lignanos da IUPAC
  • Lignanos e cáncer

Read next

In 22 languages

Text from Wikipedia, CC BY-SA 4.0 · Source article