factograf
GL
Sign in

John Waters

John Waters
All data from the card 10
Nacemento
(en) John Samuel Waters Jr. 22 de abril de 1946 (80 anos)Baltimore
Educación
Calvert School (en) Boys' Latin School of Maryland (en) Calvert Hall College High School (en) Universidade de Nova York
Lugar de traballo
Baltimore
Período de actividade
1964 -
Partido político
Partido Demócrata
Xénero artístico
Instalación e arte figurativa
Movemento
Arte contemporánea
Representante
Marianne Boesky Gallery (en)
Selo discográfico
Sub Pop
Pais
John Samuel Waters e Patricia Ann Whitaker

John Samuel Waters, Jr., nado en Baltimore o 22 de abril de 1946, é un director de cinema, actor, escritor e fotógrafo estadounidense. Tamén é profesor de Cinema e subcultura na European Graduate School. Fíxose coñecido a principios da década de 1970 polos seus filmes transgresores.

Traxectoria

Infancia e mocidade

Waters naceu en Baltimore, Maryland, fillo de John Samuel Waters (1916–2008), fabricante de equipos de protección contra incendios, e de Patricia Ann Waters, de solteira Whitaker (1924–2014). A súa familia era católica de clase media alta. Pola súa nai, é descendente de George Price Whitaker, da familia do ferro Whitaker.

Creceu en Lutherville, un suburbio de Baltimore. O seu amigo da infancia e musa Glenn Milstead, máis adiante coñecido como Divine, tamén vivía en Lutherville. Estudou no Calvert Hall College. Cando cumpriu dezaseis anos recibiu un agasallo de Stella Whitaker, a súa avoa materna, que foi definitivo: unha cámara de cinema.

Comezos

O seu primeiro filme foi Hag in a Black Jacket. Segundo o propio Waters, só se mostrou nunha cafetería beatnik de Baltimore.

Estudou na Universidade de Nova York (NYU), mais non era o que esperaba:

NYU... Estiven alí como cinco minutos. Non sei en que estaba a pensar. Fun a unha clase, tiveron unha conversa sobre "o Potemkin" e iso non era do que quería falar. Tiven que ir ver Olga's House of Shame. Iso era máis o meu.

En xaneiro de 1966, Waters e algúns amigos foron sorprendidos fumando marihuana nos xardíns da universidade e foron expulsados da súa residencia. Waters regresou a Baltimore, onde comezou a traballar no seu seguinte filme, Eat Your Makeup, que rodou máis tarde ese mesmo ano.

As primeiras obras de John Waters rodáronse na área de Baltimore coa participación de moitos actores locais, un grupo de transgresores coñecidos como os Dreamlanders. Ademais de Divine, o grupo incluía a Mink Stole, Cookie Mueller, Edith Massey, David Lochary ou Mary Vivian Pearce. Estes primeiros filmes foron dos primeiros distribuídos por New Line Cinema. Polo xeral estreábanse no Senator Theatre de Baltimore e ocasionalmente no Charles Theatre.

Os seus primeiros traballos presentaban, baixo unha estética marcadamente camp, personaxes encantadoras e indecentes en situacións escandalosas, acompañados de diálogos esaxerados e excéntricos. Tres clásicos desta época, Pink Flamingos, Female Trouble e Desperate Living, compoñen a "Triloxía do lixo", que violaba os límites do decoro, a convencionalidade e, por suposto, a censura cinematográfica. A escena final de Pink Flamingos fíxose particularmente famosa; engadida ao final do filme sen continuidade aparente coa trama pero si coa personaxe, rodouse nunha toma sen efectos especiais: un can pequeno defeca na rúa e Divine come os excrementos do animal.

Achegamento ao cine comercial

En 1981 dirixiu o filme Polyester, protagonizada por Divine no papel de Francine Fishpaw, unha ama de casa con problemas de alcol, cun interese amoroso centrado Tod Tomorrow, interpretado polo antigo ídolo xuvenil Tab Hunter. Desde entón a narración nos seus filmes deixou de ser tan controvertida, achegándose ao estilo comercial dos estudios, mais sen perder a marca do autor e o xénero trash dos seus temas e personaxes. Así, obras como Hairspray, Cry-Baby ou Serial Mom conservan a acidez e a mensaxe crítica dos primeiros días cunha notable mellora na produción.

Hairspray, protagonizado por Ricki Lake, Divine, Ruth Brown, Sonny Bono e Deborah Harry, foi levado ao escenario en forma de musical, e converteuse nun grande éxito de Broadway, chegando aos premios Tony de 2003. O espectáculo teatral foi á súa vez adaptado ao cinema en 2007, con John Travolta no papel que anteriormente realizara Divine, Michelle Pfeiffer no de Debbie Harry e Queen Latifah no de Ruth Brown. O propio Waters realizou un cameo no filme. Cry-Baby tamén se transformou nun musical de Broadway.

No 2000 rodou con Melanie Griffith e Stephen Dorff Cecil B. Demented, e no 2004 lanzou a sátira sexual A Dirty Shame, tan irreverente como algúns dos seus primeiros traballos, protagonizada por Tracey Ullman, Johnny Knoxville, Chris Isaak e Selma Blair como unha especie de apóstolos das perversións sexuais.

Vida persoal

Aínda que ten apartamentos en Nova York e (desde 2008) en San Francisco e unha casa de verán en Provincetown, Massachusetts, a súa residencia principal estivo toda a súa vida na súa cidade natal de Baltimore, Maryland. Todos os seus filmes están ambientados (e rodados) en Baltimore, moitas veces na veciñanza obreira de Hampden.

Abertamente homosexual, Waters é un destacado militante polos dereitos das persoas con diversidade sexual. Nunha entrevista de 2018, Waters indicou que aínda que mantén unha relación, ambos prefiren mantela en privado.

En 2009, Waters defendeu a liberdade condicional da antiga membro da familia Manson Leslie Van Houten. Dedicoulle un capítulo no seu libro Role Models (2010).

Filmografía

Ano Título Acreditado como Notas Refs.
Director Guionista Produtor Fotografía Montaxe
1964 Hag in a Black Leather Jacket Si Si Si Si Si Curtametraxe
1966 Roman Candles Si Si Si Si Si Curtametraxe
1968 Eat Your Makeup Si Si Si Si Si Curtametraxe
1969 Mondo Trasho Si Si Si Si Si
1970 The Diane Linkletter Story Si Si Si Si Si Curtametraxe
Multiple Maniacs Si Si Si Si Si
1972 Pink Flamingos Si Si Si Si Si
1974 Female Trouble Si Si Si Si Si
1977 Desperate Living Si Si Si Si Non
1981 Polyester Si Si Si Non Non
1988 Hairspray Si Si Si Non Non
1990 Cry-Baby Si Si Non Non Non
1994 Serial Mom Si Si Non Non Non
1998 Pecker Si Si Non Non Non
2000 Cecil B. Demented Si Si Non Non Non
2004 A Dirty Shame Si Si Non Non Non
2007 Hairspray Non Non Si Non Non Coprodutor e consultor

Véxase tamén

Bibliografía

  • Ives, John G. (1992). John Waters. New York: Thunder's Mouth Press. ISBN 156025033X.
  • Stevenson, Jack (1996). Desperate Visions 1: Camp America: The Films of John Waters & the Kuchar Brothers: Interviews & Essays. Londres: Creation Books. ISBN 1871592348.
  • Pela, Robrt L. (2002). Filthy: The Weird World of John Waters. Alyson Publishing. ISBN 1-55583-625-9.
  • Phillips, Lisa; Solondz, Todd (2004). John Waters: Change of Life. ISBN 0810943069.
  • Maier, Robert (2011). Low Budget Hell: Making Underground Movies with John Waters. Davidson, N.C.: Full Page Publishing. ISBN 9780983770800.

Ligazóns externas

  • Sitio web de Dreamland News con novas, ficheiros, filmografía, libros e historia(en inglés)
  • European Graduate School Faculty

In 40 languages

Text from Wikipedia, CC BY-SA 4.0 · Source article