
Jan Arnošt Smoler, nado o 3 de marzo de 1816 en Łućo e finado o 13 de xuño de 1884 en Bautzen foi un filólogo e escritor sorbio, un dos máximos expoñentes do rexurdimento sorbio do século XIX.
Traxectoria


O pai de Smolers era un cantor luterano e profesor, establecido desde 1823 en Łaz, onde Jan Arnošt rematou a escola primaria, continuando a partir de 1827 os estudos de secundaria en Bautzen. Non puido realizar a carreira de estudos eslavos como desexaba por non existir na época nas universidades prusianas eses cursos, e así en 1836 comezou os estudos de teoloxía na Universidade de Breslau, e alí foi un dos membros fundadores da Akademischen Verein für lausitzische Geschichte und Sprache en 1838. Completou os seus estudos o ano seguinte e volveu a Łaz. Xunto con Leopold Hauptal e Handrij Zejler recolleu a colección de cántigas Die Volkslieder der Wenden in der Ober- und Nieder-Lausitz. En Wendisch-deutsche Gespräche e no seu dicionario de 1843, Deutsch-Wendisches Wörterbuch, Smoler realizou unha serie de reformas na ortografía modeladas segundo outras linguas eslavas occidentais e que tendían a diluír as diferenzas entre o alto e o baixo sorbio.
En 1847 foi un dos fundadores da asociación de promoción da cultura sorbia Maćica Serbska, que adoptou a súa ortografía e que se implicou na defensa dos dereitos dos sorbios no contexto da revolución de 1848 e que logrou concesións do goberno saxón, como que a partir de 1850 a lingua sorbia fose o medio de instrución nalgunhas escolas. Smoler estivo entre os primeiros profesores que en 1850 deron clases en sorbio no instituto de Bautzen, e tamén deu clases no colexio local escribindo algúns libros de texto. En 1851, Smoler, estableceu en Bautzen, a súa propia casa de edición que se fixo cargo da publicación do semanario Tydźenska nowina, que baixo a dirección de Smoler cambiou o seu nome a Serbske Nowiny en 1854. Entre 1852 e 1856 Smoler tamén publicou o anuario Jahrbücher für slawische Literatur, Kunst und Wissenschaft , e de 1865 a 1868 o semanario Slawische Zentralblatt – Wochenschrift für Literatur, Kunst, Wissenschaft und nationale Interessen des Gesamtslawentums.
Smoler foi un defensor do paneslavismo cultural e da teoría da reciprocidade eslava, esperando que os contactos coas principais nacións eslavas fomentasen e promovesen a cultura sorbia en Lusacia, e así entre 1859 e 1883 realizou varias viaxes a Rusia, entre outras razóns para recoller doazóns para o financiamento de proxectos culturais.
Obra
- Wendisch-deutsche Gespräche. Bautzen 1841
- Volkslieder der Wenden in der Ober- und Nieder-Lausitz, 2. Bde. 1841 u. 1843 (hrsg. gemeinsam mit Leopold Haupt)
- Krotke wułpoženje powšitkomneho Serskeho prawjepisanja Bautzen 1843.
- Deutsch-Wendisches Wörterbuch. Mit einer Darstellung der allgemeinen wendischen Rechtschreibung. Bautzen 1843
- Überreste der alten Mythologie in der wendischen Lausitz. [1848]
- Sorbisch-wendische Sprachlehre. Bautzen 1850
- Kleine Grammatik der serbisch-wendischen Sprache in der Oberlausitz. Bautzen 1852
- Die slavischen Ortsnamen in der Oberlausitz und ihre Bedeutung. Festschrift zum 300 jährigen Jubiläum des Gymnasiums zu Budissin. Bautzen 1867.
