factograf
GL
Sign in

Extraterrestre

Extraterrestre

Un extraterrestre é un hipotético ser vivo orixinario de fóra da Terra. O termo pode referirse tanto a formas de vida simples, como microorganismos, como a seres intelixentes ou civilizacións doutros mundos.

Evidencia e investigación científica

Até o momento non se confirmou a existencia de vida extraterrestre nin hai probas fiábeis de que seres extraterrestres visitasen a Terra. Porén, a procura de vida fóra da Terra é un campo científico activo, especialmente dentro da astrobioloxía, que estuda a orixe, evolución, distribución e futuro da vida no universo.

A busca de vida extraterrestre inclúe o estudo de Marte, dos mundos oceánicos do Sistema solar, como as lúas xeadas Europa e Encélado, e dos exoplanetas e as súas atmosferas. A investigación céntrase sobre todo na procura de indicios de habitabilidade planetaria e de biosinaturas, especialmente asociadas a formas de vida simples ou microbianas, consideradas máis probábeis. Para afirmar que se atopou vida noutro mundo cómpre reunir varias liñas de evidencia e descartar explicacións non biolóxicas.

A dificultade de contactar con civilizacións extraterrestres acostuma ser formulada mediante a ecuación de Drake, proposta polo astrónomo Frank Drake en 1961, que estima o número de civilizacións da Vía Láctea capaces de emitir sinais detectábeis a partir de factores como a formación de estrelas, a existencia de planetas habitábeis, a aparición de vida intelixente, o desenvolvemento de tecnoloxía comunicativa e a duración desas civilizacións.

Unha rama específica desta investigación é o SETI, dedicado á procura de sinais artificiais que puidesen indicar a existencia de intelixencias extraterrestres, especialmente mediante a observación de emisións de radio ou de sinais ópticos, como pulsos de láser.

Os seres humanos tamén enviaron ao espazo mensaxes e obxectos destinados a posibles civilizacións extraterrestres, como o disco de ouro das Voyager, que contén sons e imaxes da Terra.

Véxase tamén

Read next

In 25 languages

Text from Wikipedia, CC BY-SA 4.0 · Source article