Doboj (en serbio: Добој) é unha cidade e concello situado na República Serbia dentro da federación de Bosnia e Hercegovina. A cidade é un importante nó ferroviario e alí ten a súa sede os Ferrocarrís da República Serbia e a Corporación dos Ferrocarrís de Bosnia e Hercegovina. A superficie do concello é de 691 km² despois que tras a Guerra de Bosnia se formaran, integrados na Federación de Bosnia e Hercegovina, os concellos de Doboj do Leste e Doboj do Sur de maioría musulmá e Usora de maioría croata. A poboación estimada do concello é de 80.000 habitantes e da cidade de 30.000. A composición étnica variou considerablemente coa Guerra de Bosnia, actualmente a maioría da poboación é serbia con arredor do 80%, un 13% é bosniomusulmá e un 3% croata.
Historia
A primeira vez que se menciona a localidade de Doboj foi en 1415 pero de feito pola cantidade de obxectos atopados en escavacións arqueolóxicas había xa un núcleo de poboación desde moito antes e a Fortaleza de Doboj data do século XIII, construída sobre unha anterior que podería ser do século X. En 1476 a fortaleza xunto coa localidade caeu baixo o Imperio Otomán. Durante a primeira guerra mundial en Doboj estableceuse o máis grande dos campos de concentración para serbios polo que pasaron case 46.000 prisioneiros. Na segunda guerra mundial Doboj converteuse nun importante foco de resistencia dos partisanos. A cidade quedou liberada o 17 de abril de 1945
