factograf
GL
Sign in

proteína

DC-SIGN

DC-SIGN
PDB 1k9i
CD209
Identificadores
Símbolo CD209
Símbolos alt. CDSIGN, CLEC4L, DC-SIGN, DC-SIGN1
Entrez 30835
HUGO 128353
OMIM

604672

RefSeq NP_001138365
UniProt Q9NNX6
Outros datos
Locus Cr. 19 (7.74 – 7.75)

DC-SIGN (do inglés Dendritic Cell-Specific Intercellular adhesion molecule-3-Grabbing Non-integrin) tamén chamada CD209 (cluster de diferenciación 209) é unha proteína que en humanos está codificada no xene CD209 do cromosoma 19.

DC-SIGN é unha lectina tipo C receptora presente na superficie de macrófagos e células dendríticas. Nos macrófagos DC-SIGN recoñece e únese ao carbohidrato manosa, unha clase de padróns moleculares asociados a patóxenos ou PAMP que se atopan frecuentemente en virus, bacterias e fungos. Esta interacción de unión de ligandos activa a fagocitose. En células dendríticas preplasmocitoides e mieloides DC-SIGN media o rodamento da célula dendrítica no endotelio dos vasos sanguíneos e a activación das células T CD4+, e o recoñecemento de haptenos de patóxenos.

Función

DC-SIGN é unha lectina tipo C e ten unha alta afinidade pola molécula ICAM3. Únese a varios microorganismos ao recoñecer glicoproteínas que conteñen moitas manosas nas súas envoltas e funciona especialmente como receptor de varios virus como o VIH e o virus da hepatite C. A unión ao DC-SIGN pode promover que o VIH ou o virus da hepatite C infecten as células T desde as células dendríticas. Deste modo, a unión ao DC-SIGN é un proceso esencial na infección polo VIH. Xoga tamén un papel no inicio da infección polo virus do dengue.

Nos pasos iniciais da infección polo virus da inmunodeficiencia humana (VIH) a proteína gp120 do VIH causa a cointernalización da molécula DC-SIGN e da propia partícula vírica (virión) na célula dendrítica. A célula dendrítica migra despois a un órgano linfoide, onde a reciclaxe do complexo DC-SIGN/virión VIH na periferia da célula facilita a infección polo VIH das células T CD4+ pola interacción entre DC-SIGN e ICAM3.

Ademais de funcionar como unha molécula de adhesión celular, un recente estudo tamén demostrou que o DC-SIGN pode iniciar a inmunidade innata ao modular os receptores de tipo Toll, aínda que os detalles do mecanismo polo momento non se coñecen. O DC-SIGN, xunto con outras lectinas tipo C está implicado no recoñecemento de tumores polas células dendríticas. O DC-SIGN é tamén unha diana de enxeñería potencial para as vacinas contra o cancro baseadas en células dendríticas.

Familia xénica

DC-SIGN/CD209 é unha "lectina C" animal, unha ampla e diversa familia de proteínas que se encontran tanto en procariotas coma en eucaiotas, a maioría das cales son lectinas funcionais, o que significa que se unen a ligandos carbohidratos, e a súa afinidade na unión de ligandos necesita calcio (de aí que sexan "lectinas C"). Entre as lectinas C animais, unha subfamilia chamada grupo ASGR (receptores de asialoglicoproteínas) contén varias sub-sub-familias, moitas das cales son importantes na inmunidade innata.

Un agrupamento de xenes presente en humanos e ratos contén tres membros da clase de "Receptores DC", así chamados debido á súa homoloxía con DC-SIGN. Destes, CD23 non se expresa nas células dendríticas senón que é característico da superficie celular de linfocitos B, e a LSectina (CLEC4G) exprésase no endotelio sinusoidal hepático. O terceiro grupo de xenes consiste en múltiples parálogos de CD209. Así, tanto os primates coma o rato teñen moitos parálogos de CD209 máis estreitamente ralacionados entre si dentro da especie que coas súas contrapartes ortólogas noutras especies. Os primates superiores teñen polo menos tres xenes DC-SIGN, que son DC-SIGN, DC-SIGNL1 e DC-SIGNL2, aínda que non todos eles están presentes en todas as especies; DC-SIGNL2 non foi detectado en humanos. Informouse de oito parálogos de DC-SIGN no rato de laboratorio da cepa C57BL/6; que reciben os nomes DC-SIGN, DC-SIGNR2...DC-SIGNR8. O DC-SIGNR6 é un pseudoxene. Os xenes etiquetados "DC-SIGN" en humanos e ratos non son, pois, ortólogos únicos, aínda que lembran uns a outros en canto a súa funcionalidade e por seren expresados nas células dendríticas. Outros membros do grupo de xenes CD209 do rato son expresados diferencialmente en distintos tipos de células. Por exemplo, DC-SIGNR1 exprésase principalmente en macrófagos nas zonas marxinais do bazo e na medula ósea e ganglios linfáticos.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Geijtenbeek TB, Engering A, Van Kooyk Y (2002). "DC-SIGN, a C-type lectin on dendritic cells that unveils many aspects of dendritic cell biology". J. Leukoc. Biol. 71 (6): 921–31. PMID 12050176.
  • Baribaud F, Doms RW, Pöhlmann S (2006). "The role of DC-SIGN and DC-SIGNR in HIV and Ebola virus infection: can potential therapeutics block virus transmission and dissemination?". Expert Opin. Ther. Targets 6 (4): 423–31. PMID 12223058. doi:10.1517/14728222.6.4.423.
  • Bénichou S, Benmerah A (2003). "[The HIV nef and the Kaposi-sarcoma-associated virus K3/K5 proteins: "parasites"of the endocytosis pathway]". Med Sci (Paris) 19 (1): 100–6. PMID 12836198. doi:10.1051/medsci/2003191100.
  • van Kooyk Y, Geijtenbeek TB (2003). "DC-SIGN: escape mechanism for pathogens". Nat. Rev. Immunol. 3 (9): 697–709. PMID 12949494. doi:10.1038/nri1182.
  • Turville S, Wilkinson J, Cameron P, et al. (2004). "The role of dendritic cell C-type lectin receptors in HIV pathogenesis". J. Leukoc. Biol. 74 (5): 710–8. PMID 12960229. doi:10.1189/jlb.0503208.
  • Cambi A, Figdor CG (2004). "Dual function of C-type lectin-like receptors in the immune system". Curr. Opin. Cell Biol. 15 (5): 539–46. PMID 14519388. doi:10.1016/j.ceb.2003.08.004.
  • Joseph AM, Kumar M, Mitra D (2005). "Nef: "necessary and enforcing factor" in HIV infection". Curr. HIV Res. 3 (1): 87–94. PMID 15638726. doi:10.2174/1570162052773013.
  • Stove V, Verhasselt B (2006). "Modelling thymic HIV-1 Nef effects". Curr. HIV Res. 4 (1): 57–64. PMID 16454711. doi:10.2174/157016206775197583.
  • Ortiz M, Kaessmann H, Zhang K, Bashirova A, Carrington M, Quintana-Murci L, Telenti A (2008). "The evolutionary history of the CD209 (DC-SIGN) family in humans and non-human primates". Genes Immun 9 (6): 483–492. PMC 2701223. PMID 18528403. doi:10.1038/gene.2008.40.
  • Becer CR, Gibson MI, Geng J, Ilyas R, Wallis R, Mitchell D, Haddleton DM (2010). "High-Affinity Glycopolymer Binding to Human DC-SIGN and Disruption of DC-SIGN Interactions with HIV Envelope Glycoprotein". J. Am. Chem. Soc. 132 (43): 15130–15132. PMC 3091610. PMID 20932025. doi:10.1021/ja1056714.

Ligazóns externas

Este artigo incorpora texto da United States National Library of Medicine, en dominio público.

Read next

In 8 languages

Text from Wikipedia, CC BY-SA 4.0 · Source article