factograf
GL

especie de tartaruga de auga doce que vive en América do Norte

Chelydra serpentina

Chelydra serpentina

Key facts

instancia detaxon
nome do taxonChelydra serpentina
categoría taxonómicaespecie
All data from the card 6
TasteAtlas
snapping-turtle
Freebase
/m/028vyk
ITIS
173752
UICN
163424
CoL
TWRZ
EOL
795409

Chelydra serpentina é unha grande especie de tartaruga de auga doce da familia Chelydridae que vive en América do Norte. A súa área de distribución natural é desde o sueste do Canadá, cara ao suroeste ata o bordo das Montañas Rochosas, chegando polo leste ata Nova Escocia e a Florida. A poboación actual de Chelydra serpentina no Río Grande medio suxire que estivo presente nesa cunca desde polo menos o século XVII e probablemente é nativa alí. As tres especies de Chelydra e unha especie máis grande doutro xénero, Macrochelys temminckii, son os únicos quelídridos existentes, unha familia agora restrinxida ao continente americano. Delas, C. serpentina é a especie máis espallada.

É famosa por ser unha tartaruga moi combativa cando está fóra da auga utilizando as súas poderosas mandúbulas con forma de bico e a súa cabeza e pescozo moi móbiles (de aí o epíteto do seu nome científico, serpentina, que significa 'como unha serpe'). Na auga é probable que escape e se agache nos sedimentos do fondo en vez de atacar. Ten unha estratexia de vida caracterizada por unha alta e variable mortalidade dos embrións e crías que fixeron eclosión, atraso da madureza sexual, gran lonxevidade dos adultos, e iteroparidade (moitos eventos reprodutores) con baixo éxito reprodutivo en cada evento.

As femias e probablemente os machos nas poboacións do norte maduran máis tarde (aos 15–20 anos) e cun maior tamaño que nas poboacións do sur (uns 12 anos). Non se coñece con certeza a duración da súa vida, mais os datos de marca e recaptura a longo prazo no Parque Provincial Algonquino de Ontario, Canadá, indican que a idade máxima podería ser duns 100 anos.

Anatomía e morfoloxía

Exemplar no Parque Estatal de Taum Sauk Mountain, Missouri
Exemplar no Parque Estatal de Taum Sauk Mountain, Missouri
Cabeza
Cabeza
Cranio
Cranio
Modelo 3D do cranio de C. serpentina
Modelo 3D do cranio de C. serpentina
Crías que fixeron eclosión xurdindo do chan.
Crías que fixeron eclosión xurdindo do chan.
5 images

Ten unha constitución moi musculada, cunha coiraza con cristas na parte dorsal que varía de cor desde parda ou marrón a negra, aínda que as cristas tenden a ser máis pronunciadas nos individuos novos. A lonxitude da coiraza medida en liña recta nos adultos pode ser de case 50 cm, se ben o máis común é 25-47 cm. Adoita pesar de 4,5 a 16 kg. Nun estudo, un exemplar reprodutor tiña como media 28,5 cm de lonxitude de coiraza dorsal, 22,5 cm de lonxitude do plastrón (parte ventral da coiraza) e un peso dun 6 kg.

Os machos son máis grandes que as femias, e case todos pasan algo dos 10 kg cando son bastante vellos, xa que a especie continúa crecendo toda a vida. Calquera espécime por riba do peso indicado é excepcional, pero o espécime silvestre máis pesado capturado rexistrou un peso de 34 kg. As mantidas en catividade poden ter bastante sobrepeso debido a que adoitan estar sobrealimentadas e poden chegar aos 39 kg. Na parte norte da súa distribución, adoita ser a tartaruga de auga doce nativa máis pesada.

Segundo un estudo feito por Nakamuta et al. (2016), teñen órganos olfactivos ben desenvolvidos, nervios e bulbos do sistema olfactivo que suxiren que esta tartaruga ten un magnífico olfacto.

Ecoloxía e historia vital

Ovos de C. serpentina.
Ovos de C. serpentina.
Exemplar xove nun camiño de sendeirismo no Parque Estatal de Illinois Beach.
Exemplar xove nun camiño de sendeirismo no Parque Estatal de Illinois Beach.
2 images

Hábitats comúns son as lagoas pouco profundas ou regatos. Algunhas poden habitar en ambientes salobres, como os estuarios. Estas fontes de auga adoitan ter unha abundante vexetación acuática debido á súa pouca profundidade. Algúns descríbenas como xeneralistas en canto ao hábitat, xa que poden ocupar a maioría dos corpos de auga permanentes. Ás veces toman o sol —aínda que raramente se consegue observalas— aboiando na superficie expoñendo só a coiraza, aínda que na parte norte do seu rango, tamén toman o sol frecuentemente en troncos caídos a inicios da primavera. En augas pouco profundas, poden descansar enterradas baixo o fondo lamacento asomando só a cabeza, estirando os pescozos ata a superficie para respiraren de cando en vez. As súas aberturas nasais están situadas na punta do fociño, funcionando como tubos de respiración.

Son omnívoras e importantes preeiros acuáticos, pero tamén son cazadoras activas que usan tácticas de emboscada para depredaren calquera cousa que poidan tragar, incluíndo moitos invertebrados, peixes, ras e outros anfibios, réptiles (incluíndo serpes e tartarugas máis pequenas), aves pouco precavidas, e pequenos mamíferos. Nun estudo recente, exemplares xoves mostraron que a súa menor forza de mordida se corresponde co seu comportamento activo de busca de alimento, o que significa que teñen que moverse e buscar máis presas para compensaren a súa incapacidade de comer certas presas. Nalgunhas áreas poden ocasionalmente ser accidentalmente prexudiciais para a reprodución das aves acuáticas, pero o seu efecto sobre esas presas, como as crías de parrulos e gansos, está frecuentemente esaxerada. Porén, como preeiros omnívoros, tamén se alimentan de prea e dunha cantidade sorprendentemente grande de vexetación acuática.

Teñen poucos depredadores cando son vellas, pero os ovos están suxeitos a predación por corvos, o visón americano, mofetas, raposos e mapaches. Os predadores de ovos usan tres tipos de pistas para localizaren os niños da tartaruga:

  • Pistas visuais: ver onde a femia escavou o chan para facer a cámara do niño e ver a tartaruga.
  • Pistas táctiles: detectar as superficies moles arredor dos sitios onde está o niño.
  • Pistas quimiosensoriais: cheiro a almiscre da femia que esta deixa na superficie do chan cando cava.

Cando son crías recentemente eclosionadas e xoves, sofren o ataque da maioría dos mesmos predadores así como garzas (principalmente garzas azuladas), avetouros, falcóns, bufos, os mustélidos Pekania pennanti, o sapo Lithobates catesbeianus, grandes peixes e serpes. Hai rexistros durante o inverno no Canadá destas tartarugas adultas hibernantes que foron emboscadas e predadas pola lontras Lontra canadensis. Outros predadores naturais dos que se informou que depredan nas tartarugas adultas son coiotes, osos negros americanos, aligátores e outras tartarugas máis grandes da especie Macrochelys temminckii. Os machos vellos grandes teñen moi poucas ameazas naturais debido ao seu formidable tamaño e defensas, e adoitan ter unha taxa de mortalidade anual moi baixa.

Estas tartarugas viaxan moito por terra para chegaren a novos hábitats ou poñeren ovos. A contaminación, destrución do hábitat, escaseza de alimentos, sobrepoboación e outros factores son os factores que as impulsan a desprazarse; é bastante común atopalas viaxando lonxe da fonte de auga máis próxima. Os datos experimentais apoian a idea de que estas tartarugas poden percibir o campo magnético terrestre, o que poderían tamén usar para orientarse nestes desprazamentos (xunto con outras pistas diversas).

Estas especie aparéase de abril a novembro, co pico da tempada de posta en xuño e xullo. A femia pode conservar o esperma durante varias estacións, usándoo se for necesario. As femias viaxan por terra para atopar chan areento onde poñer os ovos, a miúdo a certa distancia da auga. A femia, unha vez que escava un buraco, deposita normalmente de 25 a 80 ovos cada ano, guiándoos ao niño coas súas patas posteriores e cubríndoos con area para a incubación e protección. Estes ovos teñen unha casca flexible e coriácea e miden normalmente só 26–28 mm de diámetro.

O tempo de incubación depende da temperatura, oscilando entre 9 e 18 semanas. Un estudo sobre o período de incubación dos ovos desta tartaruga a dúas temperaturas: 20 °C e 30 °C atopou que o período de incubación á temperatura maior era significativamente máis curto, de aproximadamente 63 días, mentres que á temperatura menor o tempo era duns 140 días. En climas máis fríos, as crías eclosionadas pasan o inverno no niño. É salientablemente tolerante ao frío; os estudos de radiotelemetría encontraron que algúns individuos non hibernan, senón que permanecen activos baixo o xeo durante o inverno. Ademais de ao tempo de incubación, a temperatura tamén afecta á determinación do sexo. As femias desenvólvense a temperturas baixas ou altas, mentres que os machos desenvólvense a temperaturas intermedias. As temperaturas do outono teñen un efecto positivo sobre o tamaño da posta e a masa da posta, mentres que as temperaturas de primavera non teñen efectos.

As crías eclosionadas poden facer ruídos antes da saíren do niño sobre superficie, un fenómeno tamén coñecido en especies suramericanas do xénero Podocnemis e nos sapoconchos Graptemys ouachitensis. Estes sons son principalmente ruídos tipo "clic", mais tamén producen ás veces outros sons, como os que soan como renxer ou como frotar un dedo ao longo dun peite de dentes finos.

Na parte norte do seu rango de distribución pasan sen respirar máis de seis meses porque o xeo cobre o seu sitio de hibernación. Estas tartarugas poden obter oxíxeno sacando a cabeza do barro para deixar que se produza un intercambio de gases a través das membranas da súa boca e gorxa. Isto coñécese como respiración extrapulmonar. Se non poden conseguir suficiente oxíxeno por este método, empezan a utilizar vías anaerobias, queimando metabolicamente azucres e graxas sen usaren oxíxeno. Os subprodutos metabólicos deste proceso son ácidos e crean efectos secundarios indesexables ao chegar á primavera, o que se coñece como débeda de oxíxeno. Aínda que foi designada como especie en "preocupación menor" na lista vermella da IUCN, a especie foi designada na parte canadense do seu rango como especie en "preocupación especial" debido á súa historia vital sensible ás alteracións polas actividades antropoxénicas.

Sistemática e taxonomía

Actualmente, non se recoñece ningunha subespecie de C. serpentina. A anterior subespecie da Florida osceola é actualmente considerada un sinónimo de serpentina, mentres que outras subespecies antigas son agora as especies separadas Chelydra rossignonii de América Central e Chelydra acutirostris de Suramérica.

Comportamento

Cando C. serpentina encontra unha especie non familiar, como os humanos, en raros casos, é moi curiosa e examina a situación e mesmo máis raramente pode chocar o seu fociño coa perna dunha persoa que está de pé na auga. Aínda que son tartarugas mordedoras que teñen un carácter feroz, cando se encontran na auga ou se aproxima un nadador, adoitan deslizarse devagar afastándose da molestia ou poden buscar refuxio baixo a lama ou vexetación próxima.[Cómpre referencia]

Relacións cos humanos

Debuxo político representando comerciantes intentando evitar o "Ograbme", que é a palabra embargo escrita ao revés (ver texto).
Debuxo político representando comerciantes intentando evitar o "Ograbme", que é a palabra embargo escrita ao revés (ver texto).
C. serpentina usa as súas grandes garras para escavar, non para atacar, aínda que as garras poden ser perigosas se algunha persoa colle a tartaruga.
C. serpentina usa as súas grandes garras para escavar, non para atacar, aínda que as garras poden ser perigosas se algunha persoa colle a tartaruga.
2 images

Como alimento

Esta tartaruga é un ingrediente tradicional da sopa de tartaruga; porén, o seu consumo con moita frecuencia pode causar problemas de saúde debido á posible concentración de contaminantes tóxicos ambientais na carne de tartaruga.

Catividade

Esta tartaruga non é unha mascota ideal. O seu pescozo é moi flexible e unha tartaruga na natureza pode morder a quen a colla mesmo se a agarraron polos lados da coiraza. Os coidados veterinarios hai que deixalos en mans dun especialista en réptiles. Poden facer un son soprante cando a encontrar ou ameazan, pero prefire non provocar confrontacións.

Unha confusión común é pensar que estas tartarugas poden collerse con seguridade polo rabo sen causarlle danos ao animal; de feito, isto ten unha gran probabilidade de mancar o animal, especialmente o propio rabo e a columna vertebral. Levantar a tartaruga colléndoa coas mans é difícil e perigoso. Estas tartarugas mordedoras poden estarricar o pescozo cara atrás pola coiraza e chegar ata as patas de atrás para morder. Cando se senten estresadas, liberan un cheiro a almiscre pola parte de atrás das patas.

Pode ser tentador rescatar unha destas tartarugas que se encontre nunha estrada facendo que esta morda un pau que se lle presenta e despois arrastrala fóra do perigo da estrada mentres esta ten o pau agarrado coa boca. Porén, esta acción pode causar rabuñazos ou esfoladuras nas patas e parte inferior do animal que poden orixinar despois infeccións mortais. A forma máis segura de coller unha destas tartarugas é agarrala pola coiraza pola parte que está máis atrás das patas traseiras, tendo coidado de non agarrar o rabo. Hai un grande espazo detrás das patas traseiras que permite agarrala doadamente pola coiraza mantendo as nosas mans libres do bico e garras da tartaruga. Tamén se pode levantar cunha pa, facéndoo desde a parte de atrás, asegurándose de que a pa está ben metida baixo a parte ventral da coiraza. Finalmente, a forma máis fácil de todas, é cunha manta ou lona, agarrando despois a manta polas esquinas coa tartaruga no medio.

Esta especie críase nalgunhas granxas de tartarugas na China.

Na política

C. serpentina foi o personaxe central dun famoso debuxo político estadounidense. Publicado en 1808 en protesta pola Lei do Embargo de 1807 da época do presidente Thomas Jefferson, que os Estados Unidos impuxeron sobre todas as nacións estranxeiras como represalia polo apresamento de barcos estadounidenses que comerciaban con Europa polas potencias europeas contendentes nas gueras napoleónicas, para impediren que aprovisionasen ao inimigo. A idea era que se os países europeos non deixaban que os Estados Unidos comerciasen, entón tampouco eles poderían comerciar cos Estados Unidos. No debuxo, o bico da tartaruga agarra ferozmente un comerciante americano que estaba intentando carrexar un barril de mercancías dun barco británico. O comerciante pronuncia con ironía as palabras "Oh! this cursed Ograbme" ('Oh, este maldito Ograbme'), onde Ograbme é a palabra embargo escrita ao revés, referida á Lei do Embargo, e á vez "O, grab me" é o que a tartaruga está facendo ('agarroume').

En 2006, C. serpentina foi declarada réptil oficial do estado de Nova York polo parlamento estatal despois de ser elixida polos nenos das escolas primarias públicas do estado.

Reputación

Aínda que a xente cre amplamente que estas tartarugas poden arrancar un dedo ou deda humano dunha trabada, e as súas poderosas mandíbulas son máis que capaces de facelo, non hai casos probados de que algunha vez ocorrese, xa que normalmente usan o seu tamaño e forza para disuadir os posibles predadores. Son animais "bastante dóciles" baixo a auga que prefiren evitar os enfrontamentos en vez de provocalos.

A capacidade de morder con forza é extremadamente útil para comer presas de corpos duros, como moluscos, crustáceos e outras tartarugas, xunto con algunha materia vexetal dura, como noces ou sementes. En 2023, un estudo feito por Lagrange et al. atopou que C. serpentina podía facer unha forza de entre 62 e 564 N coas súas mandíbulas. En comparación, a forza de trabada media dun humano na área molar é de entre 300 e 700 N. Outra especie de tartaruga americana dun xénero distinto chamada Macrochelys temminckii si que pode arrancar dedos dunha mordida, do cal hai tres casos ben documentados.

Especie invasora

En anos recentes, grandes exemplares adultos maduros de C. serpentina foron capturados en corpos de auga de Italia. Moi probablemente foron introducidos debido á liberación de mascotas que xa non se desexaban. En marzo de 2011, un individuo que pesaba 20 kg foi capturado nunha canle preto de Roma; outro individuo foi capturado preto de Roma en setembro de 2012.

No Xapón, a especie foi introducida como mascota exótica na década de 1960; foi identificada como causante de varios casos de graves mordidas.[Cómpre referencia] En 2004 e 2005, atopáronse uns 1.000 exemplares na prefectura de Chiba, que se cre constituían a maioría dos que foran introducidos.

Conservación

A IUCN clasifica a especie actualmente como en situación de preocupación menor, pero declinou o suficiente debido á presión da súa captura para o comercio de mascotas e pola degradación do seu hábitat, como para que Canadá e varios estados dos Estados Unidos aplicasen ou propuxesen medidas máis estritas de conservación. No Canadá, está na lista das especies en "preocupación especial" da Lei de Especies en Risco de 2011 e é unha especie para a que hai proxectos de avaliacións, identificación de hábitats principais, investigación e mitigación de ameazas, e educación da xente incuíndo os propietarios de terras. As organizacións implicadas, como departamentos gobernamentais, universidades, museos e proxectos científicos cidadáns.

Aínda que non está clasificada como ameazada, os factores antropoxénicos poden ter importantes efectos sobre as poboacións. Décadas de mortalidade nas estradas poden causar unha grave diminución da poboación das tartarugas en zonas húmidas urbanizadas. Un estudo no suroeste de Ontario monitorizou unha poboación preto dunha estrada con moito tráfico e encontrou unha perda de 764 individuols en só 17 anos. Houbo unha diminución da poboación desde uns 941 exemplares en 1985 a só 177 en 2002. A mortalidade nas estradas pode poñer poboacións de C. serpentina ao bordo da erradicación. Os valados de exclusión poden axudar a diminuír estas perdas de poboación.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Behler JL, King FW (1979). The Audubon Society Field Guide to North American Reptiles and Amphibians. New York: Alfred A. Knopf. 743 pp. ISBN 0-394-50824-6. (Chelydra serpentina, pp. 435–436 + Plates 322–324).
  • Conant R (1975). A Field Guide to Reptiles and Amphibians of Eastern and Central North America, Second Edition. Boston: Houghton Mifflin Company. xviii + 429 pp. + Plates 1–48. ISBN 0-395-19979-4 (hardcover), ISBN 0-395-19977-8 (paperback). (Chelydra serpentina, pp. 37–38 + Plates 5, 11 + Map3).
  • Goin CJ, Goin OB, Zug GR (1978). Introduction to Herpetology, Third Edition. San Francisco: W.H. Freeman and Company. xi + 378 pp. ISBN 0-7167-0020-4. (Chelydra serpentina, pp. 122, 142, 258).
  • Linnaeus C (1758). Systema naturæ per regna tria naturæ, secundum classes, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis. Tomus I. Editio Decima, Reformata. Stockholm: L. Salvius. 824 pp. (Testudo serpentina, new species, p. 199). (en latín).
  • Smith HM, Brodie ED Jr (1982). Reptiles of North America: A Guide to Field Identification. Nova York: Golden Press. 240 pp. ISBN [[Especial:Fontes bibliográficas/{{{1}}}|{{{1}}}]] ISBN non válido. (Chelydra serpentina, pp. 38–39).
  • Zim HS, Smith HM (1956). Reptiles and Amphibians: A Guide to Familiar American Species: A Golden Nature Guide. New York: Simon and Schuster. 160 pp. (Chelydra serpentina, pp. 19, 24, 155).
  • Amtyaz Safi, Hashmi MUA and Smith JP. 2020. A review of distribution, threats, conservation and status of freshwater turtles of Ontario, Canada. Journal of Environmental sciences. 2(1) (2020): 36–41.

Ligazóns externa

  • Páxina sobre esta especie - www.chelydra.org
  • Vídeo: How to Help a Snapping Turtle Cross a Road, Toronto Zoo
  • Chelydra serpentina, Réptiles e Anfibios de Iowa

Read next

In 38 languages

Text from Wikipedia, CC BY-SA 4.0 · Source article