Stéphane Charbonnier, nado en Conflans-Sainte-Honorine, Yvelines o 21 de agosto de 1967 e finado en París o 7 de xaneiro de 2015, máis coñecido como Charb, foi un debuxante satírico, historietista e xornalista francés. Foi unha das vítimas do atentado que tivo lugar na sede da publicación Charlie Hebdo en xaneiro de 2015.
Traxectoria
Charb traballou para numerosas publicacións de prensa como Charlie Hebdo, do cal foi director desde maio de 2009 tras a marcha de Philippe Val, L'Écho des savanes, Télérama, Fluide glacial e L'Humanité. Os seus debuxos caracterízanse polo seu estilo corrosivo e irreverente. Maurice et Patapon, o can e o gato anticapitalista ou o policía Marcel Keuf son boa mostra diso. Na revista Fluide Glacial asinaba unha sección chamada La fatwa de l'Ayatollah Charb. Entre 2007 e 2008 participou no programa televisivo de M6 T'empêches tout le monde de dormir (Non deixas a ninguén durmir).
Era coñecido polo seu apoio ao Partido Comunista Francés, apoiándoo expresamente tanto nas eleccións europeas de 2009 como nas eleccións rexionais francesas de 2010.
En novembro de 2011, a sede de Charlie Hebdo foi atacada con cócteles molotov, presumiblemente por islamitas radicais. Desde entón Charb e outros dous compañeiros empezaron a ter protección policial. En setembro de 2012, un home foi detido na cidade francesa de La Rochelle por pedir a súa decapitación nunha páxina web de contido xihadista. Perseguido polas súas sátiras e caricaturas, Al Qaeda incluíuno en 2013 na súa lista dos máis buscados.
O 7 de xaneiro de 2015 foi asasinado no atentado que tivo lugar na sede da publicación Charlie Hebdo, onde traballaba.
Crenzas
Ademais de apoiar ao PCF, Charbonnier era un ateo convencido e firme defensor dos valores republicanos. Sempre estaba na vangarda dos enfrontamentos con fundamentalistas tanto musulmáns como cristiáns.
Publicacións

- Je suis très tolérant, MC Productions / Charb, 1996
- Maurice et Patapon, tomes I (2005) II (2006), III (2007), IV (2009) éditions Hoebeke
- Attention ça tache, Casterman, 2004
- Charb n'aime pas les gens: chroniques politiques, 1996-2002, éditions Agone, 2002
- Collectif, Mozart qu'on assassine, Albin Michel, 2006, xunto a Catherine Meurisse, Riss, Luz, Tignous e Jul.
- J'aime pas les fumeurs, Hoëbeke, 2007
- J'aime pas la retraite, 2008 (xunto a Patrick Pelloux)
- C'est la Faute à la société, éditions 12 bis, 2008
- Dico Sarko, éditions 12 bis, 2008
- Le Petit Livre rouge de Sarko, éditions 12 bis, 2009
- Eternuer dans le chou-fleur et autres métaphores sexuelles à travers le monde, textos de Antonio Fischetti, éditions Les Échappés, 2009
- Marx, mode d'emploi, éditions La Découverte, 2009 (xunto a Daniel Bensaïd)
- Le Cahier de vacances de Charlie Hebdo, éditions Les Échappés, 2009, xunto a Catherine Meurisse, Riss e Luz.
- Les Fatwas de Charb, éditions Les Échappés, 2009
- C'est pas là qu'on fait caca! Maurice et Patapon pour enfants, éditions Les Échappés, 2010
- Les dictons du jour, agenda 2011, éditions Les Échappés, 2010
- Sarko, le kit de survie, éditions 12 bis, 2010
- Marcel Keuf, le flic, éditions Les Échappés, 2011
- La salle des profs, éditions 12 bis, 2012
- Ilustracios de Petit cours d'autodéfense intellectuelle de Normand Baillargeon, e Petit cours d'autodéfense en économie de Jim Stanford.
