factograf
GL
Sign in

concello da comarca do Salnés, na provincia de Pontevedra

Cambados

Cambados
All data from the card 5
Código postal
36630
Código INE
36006
OpenStreetMap
346569
VIAF
156023279
Freebase
/m/09k4x8

Cambados é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca do Salnés. Segundo o IGE en 2025 tiña 13.863 habitantes. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é cambadés.

Limita cos concellos de Vilanova de Arousa, Ribadumia, Meaño e co océano Atlántico.

Historia

Praza de Alfredo Brañas.
Praza de Alfredo Brañas.

Sobre a orixe do seu nome hai varias teorías (todas precientíficas). Unha di que este nome é debido aos descendentes da familia Camba; outra, que se debe aos celtas, de Cambrae (Cambra, berce). Unha terceira di que deriva dos vocábulos cam (lago) e bados (casa). Calquera que sexa verdade, o certo é que hai vestixios de poboados nos seus montes e bosques, nas proximidades dos ríos e o mar, nos séculos VI e V a. C.

Posteriormente, ao igual que toda a costa galega, foi explorada polos fenicios en busca de cobre e estaño, como o testemuña a torre de Lobeira, que desempeñou funcións de faro para a navegación destes comerciantes, establecidos na desembocadura do Umia, onde tamén aproveitaron as riquezas salinas das terras do Salnés.

Na dominación romana, dende a zona de Cambados organizáronse loitas contra o invasor. Exemplo diso foron as loitas contra o procónsul Décimo Xunio Bruto, co cal se chegou a firmar un tratado, aínda que posteriormente este procónsul arrasou a zona, perdendo esta unha gran parte da súa importancia.

O rei godo Éxica designou ao seu fillo Vitiza, futuro rei dos godos, como Gobernador de Galicia. Durante o seu goberno concedeu grandes privilexios a Cambados.

Na invasión árabe, Abdelaziz entrou en Galicia atacando Lugo, Tui, Ourense e Cambados; posteriormente, Froila I, fillo de Afonso I, vénceos á beira do Umia. Nas continuas razzias dos árabes polo norte da Península Ibérica e durante o século seguinte, entre os anos 816 e 821, seguiron atacando as poboacións galegas; na segunda destas datas, o Rei Afonso II o Casto derrótaos e despois diso, Cambados buscando unha protección, faise feudo do bispado de Tui, xa que pertencera ao seu antigo dominio (Tudem Graviorum).

Durante os séculos IX e X, Cambados foi tamén vítima, como case toda a costa galega, das correrías e actos violentos dos normandos.

Fernando II, Rei de León, en 1170 deulle o título de "Moi Real Vila" e confirmoulle os privilexios que Vitiza lle concedera.

No século XII o núcleo máis antigo de Cambados, denominado Vila Vella, estaba constituído por San Tomé xunto con Santa Mariña. Diego Xelmírez incorporou a vila ao bispado de Compostela. No século seguinte e por aforamento, pasou a ser señorío de Paio Gómez Chariño e durante moitos anos estivo vinculada á casa de Soutomaior e Chariño, e tamén aos condes de Castronuevo e Villaumbrosa.

Durante o levantamento dos Irmandiños, únense as forzas das súas parroquias, que actuaron polas zonas limítrofes, chegando ata Ponte Sampaio.

Os Reis Católicos concederon tamén privilexios a Cambados polos seus merecementos e valor na conquista de Granada, eximíndoa de moitos tributos que estaban obrigados a pagar ao Arcebispo Compostelán.

O 25 de setembro de 1484, a raíña Isabel deu orde de restituír ao Conde de Caminha, os seus lugares de Cambados e Nogueira.

A zona de Cambados fora doada primeiramente ás Ordes do Temple e do Santo Sepulcro e posteriormente á de San Xoán de Xerusalén, aforándoa estas Ordes ás Casas de Soutomaior e de Ulloa, pasando despois á Casa de Monterrei e desta á de Alba.

Filipe IV concede unha cédula para que non se leven mariñeiros de Santo Tomé para a súa Real Armada, posto que estes han de defender esta vila dos ataques dos piratas.

En 1709, o señorío e xurisdición de Santo Tomé e Santa Mariña pasan por venda do IV Conde de Castronuevo ao I Marqués de Montesacro.

Durante a Guerra de Independencia, os veciños de Cambados actuaron continuamente acosando ás divisións dos Mariscais Soult e Ney, contribuíndo así á derrota dos franceses.

En 1820 naceu o concello de Cambados, cabeza de partido xudicial, integrando a totalidade do territorio actual e mailo de Ribadumia. Segregáronse en 1841 este concello e tamén a parroquia de Deiro, incorporada ao concello veciño de Vilanova de Arousa. Cambados mantivo a capitalidade de partido xudicial.

En Cambados editáronse os periódicos El Umia (1907). El Cometa (1910) e Ahora (1930).

Demografía

Cantidade de poboaciónAno13.30013.40013.50013.60013.70013.80013.90014.000200020052010201520202025CambadosEstatísticas de poboaciónNota: Este gráfico xerouse automaticamente a partir de datos recollidos de Wikidata. Se precisa cambiar ou actualizar algún dos datos, fágao no propio Wikidata.

Segundo datos do IGE, tiña 13.863 habitantes no ano 2025, dos que 7.160 eran mulleres e 6.703 homes, o que representa un descenso pouco significativo respecto ós anos 2016, cando tiña 13.977 veciños, e 2010, cando eran 13.872.

Fonte: INE Archiv
Evolución da poboación de Cambados   Fontes: INE e IGE.
1900 1930 1950 1981 2004 2009 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018 2019 2020 2021 2022 2023 2024
5.603 6.956 9.290 12.628 13.564 13.872 13.946 13.898
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

Goberno e política

Casa do Concello
Casa do Concello

Tralas eleccións de 2023, o alcalde de Cambados é Samuel Lago Ozón, do Partido Socialista Obrero Español, quen substituíu a Fátima Abal e esta, no 2015, a Luis Aragunde Aragunde, do Partido Popular, e este en 2009 a José Manuel Cores Tourís, tras ser nomeado este último Delegado Territorial da Xunta de Galicia para a provincia de Pontevedra. Nas seguintes eleccións municipais (2011), Luís Aragunde foi elixido alcalde por maioría absoluta. Os partidos políticos máis relevantes no ámbito local, ademais do PP e do PSOE, son o BNG con Víctor Caamaño Rivas e ANOVA-Irmandade Nacionalista que formalizou a súa creación neste Concello no 2013.

O concello de Cambados estrutúrase en diferentes concellerías: de cultura e normalización lingüística, de servizos municipais: deportes, mocidade, transportes e alumeado público; de medio ambiente; de benestar social e participación cidadá, de promoción económica, turismo e comercio e policía local; e de obras. O concello celebra plenos ordinarios cada dous meses, ademais de celebrarse algún pleno extraordinario, coa fin de debater temas e problemas que afectan ao concello.

A xunta de goberno, presidida polo alcalde, está composta actualmente polos 11 concelleiros do PP. A corporación municipal está formada por 17 membros, 11 do PP, 3 do BNG e 3 do PSOE.

Eleccións municipais, 27 de maio de 2007
Partido Votos % Concelleiros
PP 4.279 47,47 % 9
PSOE 2.488 19,68 % 5
BNG 1.774 8,71% 3
Eleccións municipais, 22 de maio de 2011
Partido Votos % Concelleiros
PP 5.208 60,23% 11
BNG 1.742 20,15% 3
PSOE 1.385 16,02% 3

Lugares de interese

Torre de San Sadurniño.
Torre de San Sadurniño.
Ruínas da igrexa de Santa Mariña Dozo.
Ruínas da igrexa de Santa Mariña Dozo.
Pazo de Fefiñáns.
Pazo de Fefiñáns.
Pazo de Ulloa.
Pazo de Ulloa.
Pazo de Torrado, sede da Fundación Plácido Castro.
Pazo de Torrado, sede da Fundación Plácido Castro.
5 images
  • Torre de San Sadurniño: A torre atópase na illa de Figueira, que pertence ao concello de Cambados. A torre foi construída na praia da Mouta no século X co obxectivo de defender a ría de Arousa dos ataques viquingos.
  • Pazo de Bazán: As súas orixes remóntanse á primeira metade do século XVII. Hoxe é o Parador nacional do Albariño. A primitiva condición da casa, coa súa torre, patios, solainas, plazuelas e capela, perdeuse a mediados do século XVIII, quedando convertida nunha estancia de recreo.
  • Ruínas da igrexa de Santa Mariña Dozo: As ruínas da igrexa de Santa Mariña Dozo, en Cambados, son os restos que quedan dunha igrexa gótica construída no século XV por dona María de Ulloa, señora de Cambados e nai de Alonso III de Fonseca, sobre unha edificación románica do século XII. Desde 1943 é Monumento Histórico-Artístico.
  • Ermida da Pastora: Moi próxima ás ruínas de Santa Mariña, no monte da Pastora. Foi construída a finais do s. XVI e posta baixo a advocación do Bo Xesús e a Virxe das Neves, esta última substituída pola Virxe da Pastora no s. XVIII. Acolle no seu interior a imaxe sedente da virxe, artisticamente meritoria e de valioso policromado.
  • Pazo de Montesacro: Atópase no lugar de San Tomé do Mar en Cambados. As orixes do pazo remóntanse ao século XVIII. O inmoble edificouse por orde dos marqueses de Montesacro. O inmoble forma un só corpo coa capela, acaroada ao extremo dereito do edificio. Interiormente foi adaptado para o seu actual destino, consérvanse os seus suntuosos salóns e a súa escaleira nobre.
  • Pazo de Fajardo: O pazo atópase no n.º 11 da praza do Rollo, con fachada posterior á rúa Infantes. Aínda que é de propiedade privada pódese apreciar desde calquera destas dúas localizacións. As orixes do inmoble remóntanse ao século XVII. Segundo despréndese da súa árbore xenealóxica, as orixes desta casa están relacionadas coas familias de Acuña Malvar e Fajardo. O derradeiro dono da casa por liña herditaria foi Xulio Ricoy e Rodríguez Fajardo, de quen a adquiriu, entre 1914 e 1918, o avogado de cambados Juan Salgado, cuxos herdeiros habítano na actualidade.
  • Pazo de Molto: Desde o centro de Cambados, accedese por esta nobre rúa á vila mariñeira de San Tomé. Mantense como unha das vías principais para achegármonos a diferentes lugares que forman parte do Conxunto-Histórico de Cambados. Nesta rúa peonil aínda se conserva o frescor da pedra de tempos pasados. O pazo de Molto, antigo Hospital Real do século XVI, acollía ós enfermos diagnosticados de peste. Ostenta na súa fachada o escudo de armas dos Fonseca, dos Castro e dos Valladares.
  • Capela do Hospital: tamén denominada da Purificación por consagrarse noutrora os apestados. Reformada no s. XVIII, consta de nave e cruceiro, e unha soa torre. Recibiron sepultura no seu interior os restos mortais de Josefa Ozores de Saavedra, nai do Conde Amarante.
  • Pazo das Quintáns: Atópase na parroquia de Santa Cruz de Castrelo. Trátase dunha casa grande de planta en escuadra, con ás moi curtas, nas que destacan a porta de arco de medio punto, a escalinata e o escudo. A leira, con hórreo e pombal en ruínas, reparte as súas sete hectáreas entre pastos, plantación de uva albariño e piñeiral.
  • Casa reitoral: Edificio do século XVIII que ten a peculiaridade de estar situado lonxe da igrexa parroquial.
  • Mosteiro de San Francisco: Fundado por D. Juan Daval e Dª. María Pérez en 1588, baixo a advocación da Immaculada Concepción. Mantívose como convento franciscano ata 1835, ano en que, con motivo da desamortización, converteuse en igrexa parroquial, substituíndo a “desteitada” igrexa de Santa Mariña. De estilo gótico mariñeiro, presenta, así mesmo, trazos renacentistas. Caracterízase pola súa planta alongada, dunha soa nave, sen cruceiro e dúas capelas ó lado do Evanxeo. Destaca na súa fachada un escudete coas cinco chagas franciscanas, os relevos dos fundadores, as figuras de Adán e Eva, e o escudo dos Figueroa.
  • Pazo de Ulloa: Construído a finais do s. XV, sobre o terreo que albergaba a antiga morada de D. Lope Sánchez de Ulloa, coñecida como “a Casa dos Pazos”. Foi residencia de María de Ulloa, a súa filla, e dos descendentes desta, D. Diego de Acevedo, militar, e D. Alonso Fonseca III, arcebispo de Santiago e de Toledo, e un dos impulsores da Universidade de Santiago de Compostela. No s. XVIII foi ampliado e reformado na estrutura que hoxe presenta, agás un recente engadido do s. XX. É de admirar un elegante e ladeado escudo, no que se atopan as armas dos Acevedo, os Ulloa, os Fonseca e os Castro.

Museos

  • Pazo Torrado. Museo das Rutas do Viño.
  • Casa do Pescador.
  • Museo Muíño das Mareas A Seca.
  • Museo Etnográfico do Viño.
  • Casa-Museo Ramón Cabanillas: Casa natal de Ramón Cabanillas, escritor galego nado no barrio cambadés de Fefiñáns. O inmoble é unha pequena edificación mariñeira, rehabilitada en 1990 para ser transformada en Casa-Museo.

Gastronomía

  • Festa do albariño: 1º domingo de agosto, esta é unha festa de Interese Turístico Nacional, a que acoden cada ano arredor de 150000 visitantes.
  • Festa da Vieira: en setembro.
  • Festa dos Pezuños de Porco: en outubro

Comunicacións

As principais vías de comunicación do concello son as estrada C-550, de Pontevedra a Fisterra, e a autovía do Salnés AG-41, que conta cun desvío até este concello e enlaza coa Autoestrada do Atlántico (AP-9), que une A Coruña con Vigo. Ademais diso, unha pequena rede de estradas locais comunica as distintas entidades de poboación entre si.

Galería de imaxes

Interior da Igrexa de Santa Mariña Dozo
Interior da Igrexa de Santa Mariña Dozo
Pazo de Fefiñáns
Pazo de Fefiñáns
Torre de San Sadurniño
Torre de San Sadurniño
Pazo de Fefiñáns
Pazo de Fefiñáns
Estatua do deus Baco, feita por Francisco Leiro.
Estatua do deus Baco, feita por Francisco Leiro.
Muíño da Seca, Tragove
Muíño da Seca, Tragove
Capela da Pastora
Capela da Pastora
8 images
Vexa o artigo principal en: Galería de imaxes de Cambados

Lugares de Cambados

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Cambados vexa: Lugares de Cambados.

Véxase tamén

Bibliografía

  • BAIÓN, Celso de (pseudónimo de Xosé María Álvarez Blázquez: Os nomes da terra. Castrelos, Vigo 1976; Col. O Moucho 47.
  • BOUZA BREY, Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204.
  • CASAS, Álvaro das (colector): "Pra un canzoneiro de Noia", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 1931.

Ligazóns externas

  • Sitio web do concello de Cambados


Read next

In 44 languages

Text from Wikipedia, CC BY-SA 4.0 · Source article