factograf
GL
Sign in

composto químico

Acridina

Acridina

Key facts

instancia detipo de entidade química
masa179 unidade de masa atómica
descrito pola fonteGrande Enciclopedia Soviética (1926 - 1947)

A acridina é un composto orgánico heterocíclico nitroxenado coa fórmula C13H9N. As acridinas son derivados substituídos deste anel parental. É unha molécula plana estruturalmente relacionada co antraceno na que en vez dun dos grupos CH centrais hai un nitróxeno. Igual que as moléculas relacionadas piridina e quinolina, a acridina é lixeiramente básica. É un sólido case incoloro. Actualmente case non hai aplicacións comerciais das acridinas, pero noutras épocas o uso de tinturas de acridina era moi común. Cristaliza formando cristais aciculares.

Illamento e síntese

A síntese de acridina de Bernthsen.
A síntese de acridina de Bernthsen.

Carl Gräbe e Heinrich Caro foron os primeiros que illaron a acridina, en 1870, a partir do alcatrán de hulla. A acridina é separada do alcatrán de hulla extraéndoa con ácido sulfúrico diluído. A adición de dicromato de potasio a esta solución precipita bicromato de acridina. O bicromato é descomposto usando amoníaco.

A acridina e os seus derivados poden prepararse por procesos sintéticos. Na síntese de acridina de Bernthsen, a difenilamina condensa con ácidos carboxílicos en presenza de cloruro de cinc. Cando o ácido carboxílico é o ácido fórmico, a reacción rende a acridina parental. Cos ácidos carboxílicos máis grandes, xéranse os derivados substituídos no átomo de carbono meso.

Outros métodos máis antigos de síntese orgánica de acridinas inclúen os seguintes: condensación de difenilamina con cloroformo en presenza de cloruro de aluminio, facer pasar vapores de ortoaminodifenilmetano sobre litarxirio (un mineral de óxido de chumbo) quentado, quentar salicilaldehido con anilina e cloruro de cinc ou destilar acridona (cun grupo carbonilo na posición 9) sobre po de cinc. Outro método clásico para a síntese de acridonas é a reacción de Lehmstedt-Tanasescu.

Reaccións

A acridina realiza as reaccións que se esperan dun N-heterociclo insaturado. Sofren unha N-alquilación con ioduros de alquilo para formar ioduros de alquil acridinio, os cales son rapidamente transformados por acción de ferricianuro potásico alcalino en N-alquil acridonas.

Basicidade

A acridina e os seus homólogos son debilmente básicos. A acridina é unha fotobase que ten un pKa no estado fundamental de 5,1, que é similar ao da piridina, e teñen un pKa no estado excitado de 10,6. Tamén comparte propiedades coa quinolina.

Redución e oxidación

As acridinas poden ser reducidas a 9,10-dihidroacridinas, ás veces chamadas leuco-acridinas. A reacción con cianuro potásico dá o derivado 9-ciano-9,10-dehidro. Na oxidación con permanganato potásico, rende ácido acridínico (C9H5N(CO2H)2) tamén coñecido como quinolina-1,2-ácido dicarboxílico. A acridina é facilmente oxidada polo ácido peroximonosulfúrico ao aminoóxido de acridina. A posición do carbono 9 da acridina é activada por reaccións de adición.

Aplicacións

Síntese do C.I. Amarelo Básico 9, un colorante de acridina.
Síntese do C.I. Amarelo Básico 9, un colorante de acridina.

Varios colorantes e fármacos teñen o esqueleto da acridina. Moitas acridinas, como a proflavina, tamén tañen propiedades antisépticas. A acridina e os derivados relacionados (como a amsacrina) únense ao ADN e ARN debido ás súas capacidades de intercalación. O laranxa de acridina (3,6-dimetilaminoacridina) é un colorante metacromático selectivo para ácidos nucleicos útil para a determinación do ciclo celular.

Colorantes

En épocas pasadas os colorantes de acridina eran comercialmente significativos, mais agora o seu uso é raro porque non destinguen. Os colorantes de acridina prepáranse por condensación de derivados 1,3-diaminobenceno. É ilustrativa a reacción do 2,4-diaminotolueno con acetaldehido:

A 9-fenilacridina é a base parental da crisanilina ou a 3,6-diamino-9-fenilacridina, que é o constituínte fundamental da tintura de fosfina (que non se debe confundir co gas fosfina), un sub-produto na manufactura da rosanilina. A crisanilina forma sales de cor vermella, que tinguen a seda e a la de amarelo; e as solucións destes sales caracterízanse pola súa fluorescencia verde-amarelada. A crisanilina foi sintetizada por O. Fischer e G. Koerner ao condensar orto-nitrobenzaldehido con anilina, o orto-nitro-para-diamino-trifenilmetano resultante é reducido ao correspondente composto ortoamino, que en condicións de oxidación rende crisanilina. A benzoflavina, un isómero da crisanilina, é tamén unha tintura e foi preparada por K. Oehler a partir de meta-fenilenodiamina e benzaldehido. Estas substancias condensan para formar tetra-aminotrifenilmetano, o cal, ao quentalo con ácidos, perde amoníaco e rende 3,6-diamino-9,10-dihidrofenilacridina, a partir da cal se obtén a benzoflavina por oxidación. É un po amarelo, soluble en auga quente.

Seguridade

A acridina é un irritante da pel. O seu LD50 (rata, oral) é 2000 mg/kg e 500 mg/kg (rato, oral).

Outros derivados

A acridarsina deriva formalmente da acridina substituíndo o átomo de nitróxeno por un de arsénico, e a acridofosfina substituíndoo por fósforo.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Synthesis of Acridine-based DNA Bis-intercalating Agents Gerard P. Moloney, David P. Kelly, P. Mack Molecules 2001, 6, 230-243 [3]

Ligazóns externas

  • Síntese da acridona en Organic Syntheses 19:6; Coll. Vol. 2:15 [4] a partir do ácido o-clorobenzoico e anilina nunha reacción de Goldberg.
  • A síntese de 9-aminoacridina en Organic Syntheses 22:5; Coll. Vol. 3:53. [5] a partir do ácido N-fenilantranílico.

Read next

In 45 languages

Text from Wikipedia, CC BY-SA 4.0 · Source article